PREVIA | A permanencia do Celta pasa por gañar ao Xirona

Un triunfo que se resiste desde abril garantiría a permanencia celeste.
Aspas entrou na convocatoria, pero será suplente. "Se agardamos unha recuperación completa non volvería xogar", dixo Carvalhal. (Foto: La Liga).
photo_camera Aspas entrou na convocatoria, pero será suplente. "Se agardamos unha recuperación completa non volvería xogar", dixo Carvalhal. (Foto: La Liga).

O obxectivo da salvación continúa estando á mesma distancia que hai exactamente un mes, cando o Celta superaba o Elxe pola mínima (1-0) e ficaba a tres puntos da permanencia virtual, pero logo de apañar catro derrotas consecutivas e dos triunfos de rivais directos como o Valencia, o medo a un descenso que non entraba nos plans agroma na cidade olívica. 

A pesar das sinais de esgotamento físico e bloqueo mental que transmitía o equipo cando venceu o fechacancelas o pasado 26 de abril -viña de sumar dous puntos nos últimos catro partidos- , nada facía prever que a escuadra dirixida por Carlos Carvalhal estaría na situación na que se atopa a día de hoxe.

Décimo quinta con 39 puntos, con só catro de marxe sobre un descenso que marcan Valladolid e Xetafe con 35 cando restan nove por disputar, un triunfo no encontro desta terza feira (19.30 horas) ante o Xirona evitaríalle afrontar o choque da próxima semana ante un rival directo, o Cádiz, coa consciencia de que o único resultado válido é un triunfo.

Por todo iso, e a pesar do complicado do horario nun día entre semana, a afección mobilizarase "sen escusa", como afirmou o Colectivo Nós, para protagonizar un recibimento aos seus xogadores -entre os que estará un Aspas que volve á convocatoria, pero que segue "tocado", tal e como afirmou Carvalhal"- que os motive a rachar co meigallo e poña fin ás incertezas dunha vez por todas.

Campaña solidaria '100 anos-100 toneladas'

O Real Club Celta, a súa Fundación e o Banco de Alimentos de Vigo reactivan esta terza feira a campaña 100 anos-100 toneladas, que lanzaran hai uns meses co gallo do centenario do equipo.

Isto significa que a partir das 18 horas os e as afeccionadas que o desexen poderán realizar as súas doazóns nas bancadas de Gol, Río e Tribuna, onde serán recollidas por voluntarias e integrantes de Fundación Celta Integra e depositadas en furgonetas do Banco de Alimentos.

esde a institución destacan que os alimentos "máis necesarios" son os que se empregan habitualmente no almorzo: leite, galletas, cacao, e cereais, así como como conservas cárnicas e vexetais".

O Celta homenaxeará Charles Días

A carreira de Charles Días terá un final amargo, xa que non puido contribuír a que o Pontevedra lograse xogará unha tempada máis na Primeira Federación.

Con 38 anos, e a pesar de ser quen de materializar seis goles na terceira categoría, o veteranísimo dianteiro brasileiro colgará as botas definitivamente a próxima fin de semana, logo da conclusión do campionato.

Atrás quedan case 20 anos de carreira, que arrancou precisamente na cidade do Lérez na campaña 2004/05, nunha primeira etapa que se prolongou até o ano 2010.

Co aval dos seus 56 tantos deu o salto á Segunda División, xogando primeiro no Córdoba e logo nun Almería co que gañou o trofeo Pichichi. Esa facilidade goleadora espertou o interese do Celta, onde xogou nas tempadas 2013/14 e 2014/15, pasando despois polas filas de Málaga e Eibar até o seu regreso a Pontevedra en 2020.

Por todo iso, o seu aínda club organizará un partido homenaxe á "lenda granate" o próximo 31 de maio (19.30 horas) en Pasarón entre os seus ex compañeiros no Pontevedra e os antigos xogadores do RC Celta.

Comentarios