Portugal, Portugal, Portugal!

Tres goles en cinco minutos ratifican a súa condición de favorita.
Cristiano Ronaldo, que nunca falla nas grandes citas, anotou dous tantos no triunfo luso ante Hungría. (Foto: UEFA).
photo_camera Cristiano Ronaldo, que nunca falla nas grandes citas, anotou dous tantos no triunfo luso ante Hungría. (Foto: UEFA).

Hungría acolleu na tarde de hoxe un partido entre a selección anfitroa e a portuguesa que pasará á historia non polo espectáculo exhibido por ambos conxuntos, bastante pobre a causa da ultraconservadora estratéxia adoptada polos maxiares, senón pola presenza de 67.000 espectadores nas bancadas do Estadio Puskas que lembraron que o fútbol, con público, semlla outro deporte. 

A cara negativa foron os cánticos de "Cristiano, homosexual!", palabra aínda considerada un grave insulto nun dos países máis homófobos de Europa aos que o cinco veces gañador do Balón de Ouro respondeu como mellor sabe: con goles.

Así, no minuto 83 o seu compañeiro Raphaël Guerreiro abría a lata húngara e inmediatamente despois Cristiano Ronaldo celebraba o segundo -desde o punto de penalti- e o terceiro tanto luso, este último nun alarde de técnica. 

Os xardineiros 'pagan' o fracaso de España

A selección española de fútbol, incapaz de superar no seu debut unha Suecia que non puido pasar de 25% de posesión, confirmou as negativas sensacións que arrastraba desde o regreso de Luís Enrique á dirección técnica.

De feito, o adestrador asturiano acaparou gran parte das críticas pola impotencia exhibida polo combinado español sobre o terreo de xogo, en especial pola súa aposta na punta de ataque polo madrileño Álvaro Morata, quen foi asubiado por unha afección que demandou a presenza no seu lugar do goleador do Vilarreal Gerard Moreno e mesmo do astro galego Iago Aspas, nome que corearon nas inmediación do estadio sevillano da Cartuja, onde se desenvolveu o encontro.

Ante este escenario, e para sorpresa xeral, Luis Enrique arremeteu contra o estado do céspede, e os operarios e operarias do campo víronse obrigados a traballar até altas horas da madrugada para tratar de adecuar ao seu gusto o terreo de xogo. 

Este feito non fixo senón aumentar a desconexión entre a selección española e un pobo que se traduciu nas peores cifras de audiencias televisivas dun debut nun gran torneo internacional desde o ano 2008.

Comentarios