venres 25/06/21

Francia contra todos: arranca a Eurocopa co combinado galo como máximo favorito

A edición máis rara da Eurocopa de fútbol bota a andar nesta sexta feira, máis dun ano despois de que a UEFA decidira o seu adiamento a causa da pandemia da Covid-19.  
O regreso de Benzemá seis anos despois permitirá Deschamps configurar un máxico tridente ofensivo con Griezmann e Mbappé. (Foto: EP).
O regreso de Benzemá seis anos despois permitirá Deschamps configurar un máxico tridente ofensivo con Griezmann e Mbappé. (Foto: EP).

Porén, as peculiaridades non se limitan ao feito de que se dispute fóra da súa data orixinal, ou ás consecuencias ligadas a un coronavirus que condicionará o torneo para equipos, xogadores e afección.

Ademais, esta Euro 2021 será a primeira vez en máis de medio século, concretamente desde 1968, na que os partidos non se concentren nun único país, repartíndose os correspondentes á fase de grupos e aos cuartos de final en 11 sedes diferentes: o Cruyff Arena de Amsterdam, La Cartuja de Sevilla, o Allianz Arena de Münich, o Estadio Krestovsky de San Petesburgo, o Telia Parken de Copenhague, o Ferenc Puskás de Budapest, a Arena Nacional de Bucarest, o Aviva de Dublin, o Estadio Nacional de Bakú e o Olímpico de Roma, que acollerá o encontro inaugural do torneo, programado para o día de hoxe ás 21 horas entre Turquía e Italia. 

As semifinais e a gran final, pola súa banda, disputaranse no estadio de Wembley, en Londres, polo que os pross da selección inglesa teñen unha oportunidade ouro para dar unha alegría á súa afección, desexosa de volver cantar o vello himno Football's coming home e levantar un título 55 anos despois de que, precisamente en Wembley, conquistasen a Copa do Mundo de 1966.    

Por outra banda, a UEFA apostou pola continuidade do formato de 24 equipos participantes, logo do ensaio realizado na edición de 2018, cando ampliaron o tradicional sistema de 16. Isto significa que os combinados nacionais que superen a primeira fase non se clasificarán directamente aos cuartos de final, como viña sucedendo até aquel entón, senón que terán que pasar pola rolda de oitavos, como acontece no Mundial.

A lectura positiva dunha medida que as seareiras máis puristas consideran un modo de ampliar os partidos e, así, mellorar a conta de resultados da UEFA á custa de devaluar o nivel da competición é que permitirá contemplar a evolución de seleccións que no modelo anterior non adoitaban lograr clasificarse, como Macedonia do Norte.

Outra delas é Escocia, que participará nun gran torneo por primeira vez desde a Copa do Mundo de Francia en 1998, e de que modo, pois o sorteo deparou que quede encadrada con Inglaterra no Grupo D, estando previsto o derbi para o 18 de xuño en Wembley, reeditando así 25 anos e tres días despois aquel lendario enfrontamento na Eurocopa de 1996 no que Gascoigne anotou un dos mellores tantos da historia da competición e, probabelmente, do duelo máis antigo do mundo do fútbol, que se remonta ao ano 1872.

Con todo, o gran e practicamente único favorito ao triunfo non é nin Inglaterra nin por suposto Escocia. Tampouco o resto dos integrantes do Grupo D, a sempre perigosa República Checa -finalista, precisamente, en 1996- e unha Croacia de Luka Modric que hai tres anos foi a revelación do Mundial, non.

Esa condición recae nos verdugos dos balcánicos naquela final disputada no Estadio Olímpico Luzhnikí de Moscova: Francia. Se nos días previos ao comezo da Copa do Mundo de 2018 o combinado dirixido polo capitán da selección francesa que levantara a Copa do Mundo ante o seu público en 1998 xa era visto como o rival a bater, hoxe esa sensación magnifícase até o punto de que os galos semellan practicamente os únicos candidatos. 

A razón detrás desta presuposto radica en que Deschamps non só foi quen de conservar a base do bloque que saíu campión en Rusia, senón que algúns dos seus elementos máis novos adquiriron unha madurez nestas últimas tres campañas coa que non contaban en 2018, como é o caso da súa grande estrela, Kylian Mbappé, que conformará con Antoine Griezmann e co resucitado Karim Benzema -quen volve a unha lista francesa seis anos despois- un tridente de ataque que promete facer estragos nas defensas rivais.

As incógnitas dos vellos dominadores de Europa

A -sempre teórica- enorme superioridade francesa opacou o resto das tradicionais favoritas, dúas das cales serán as súas rivais no Grupo F, Alemaña e Portugal.

Die Mannschaft chega inmersa nun escenario de transición, pois aínda non completou o obrigatorio relevo xeracional daquel inesquecíbel grupo que a levou a ser campioa do Mundo en 2014. Tanto é así que o seleccionador responsábel daquel éxito, Joachim Löw, xa sabe que esta Eurocopa suporá o seu adeus ao combinado xermano, pois a Asociación alemá de Fútbol anunciou que despois será relevado polo ex técnico do Bayern Hansi Flick.

Nun mellor escenario chega Portugal, vixente campioa, pois a pesar da veteranía de xogadores chave como Pepe (38) ou Cristiano Ronaldo (36), a canteira lusa non deixou de producir talento e a vella garda contará co apoio de promesas como João Félix (21) e Nuno Mendes (18) ou de xogadores no seu mellor momento, como Bruno Fernandes (26) e Bernardo Silva (26).

Finalmente, outra histórica, Italia, que nin sequera lograra clasificarse para Rusia 2018, agarda, da man de Roberto Mancini, confirmar unha resurrección que a levou a gañar os 10 partidos clasificatorios.

España: entre o camarote dos irmáns Marx e o espello de Dinamarca '92 

A selección española de fútbol leva sen gañar nada desde a Eurocopa de 2012, sumida nunha grave crise deportiva e institucional desde o despido fulminante de Lopetegui ás portas do Mundial 2018. Porén, nas últimas semanas a situación arredor do combinado estatal adquiriu connnotacións mesmo traxicómicas.

Logo de emitir unha lista de convocados de só 24 homes -cando a UEFA permite 26- e na que non figuraban estrelas como o galego Iago Aspas, o positivo en Covid-19 de Sergio Busquets e o posterior de Diego Llorente -falso positivo, segundo informou esta quinta feira a Real Federación Española de Fútbol (RFEF)- deixou toda a expedición en illamento e Luis Enrique viuse obrigado a chamar outros seis xogadores extra -entre eles o celtista Brais Méndez- mais once da Sub-21, que foi quen disputou o derradeiro encontro amigábel antes do torneo.

Coa concentración española convertida no camarote dos irmáns Marx e no medio dunha agre polémica pola vacinación de urxencia dos futbolistas -que si, que non, que talvez...-, o único cravo ardendo ao que poden asirse é o exemplo de Dinamarca en 1992, que entrou no torneo a última hora pola exclusión de Iugoslavia e acabou conquistando a Eurocopa contra prognóstico.

comentarios