O Porriño e o Guardés contan esta cuarta feira con choques difíciles

Encontro do Porriño en Elxe, esta tempada (Foto: Nós Diario).
Nova xornada de balonmán entre semana que terán que afrontar os equipos galegos da Liga Guerreiras.

Compromisos coa Copa de Europa e partidos atrasados coincidiron para que o balonmán galego da máxima categoría teña partidos hoxe.

O primeiro decorrerá no Pavillón Municipal do Porriño e será un encontro esencial entre o equipo do Val da Louriña ante o Elxe (20.30 horas).

O partido corresponde á decimonovena xornada da Liga Guerreiras ao ser aprazado por un compromiso europeo do equipo ilicitano. Ambos os dous equipos atópanse empatados a puntos, mais O Porriño está situado por enriba do Elxe tras gañarlle na ida por un resultado de 21-26. 

Tal e como explica Ismael Martínez, primeiro adestrador do Porriño, xogar unha cuarta feira “é unha cousa que non nos gusta”.

Con todo, o conxunto porriñés sinala que afronta con moitas ganas este novo choque. O Elxe, segundo apunta Martínez, atópase disputando as semifinais da EHF European Cup. Nesa competición, o pasado domingo, perderon contra o Atlético Guardés por tan só un gol (22-23) na ida.

“Creo que estar inmersas en competición europea vai condicionar a formulación do seu partido porque elas xogaranse o pase á final o sábado na Guarda e entendo que fagan máis rotacións das que acostuman facer” reflexiona o técnico porriñés. 

O Atlético Guardés recibe o líder

Na Guarda, o Atlético, pola súa parte, recibirá tamén hoxe o Bera Bera (20.45 horas), vixente campión de liga e líder indiscutíbel da competición. O potencial do equipo donostiarra escapa a calquera dúbida.

Outra vez Paula Arcos regresa á Sangriña para medirse a un equipo no que estivo dous anos e co que conseguiu os premios de mellor xogadora do torneo da regularidade e o da Copa da Raíña en 2022.

Mais o Guardés atravesa o mellor momento da tempada con cinco triunfos na liga e o primeiro paso cara á unha final continental completado, que é o que motivou o cambio de data deste encontro. 

A adestradora do Guardés, Ana Seabra, poderá contar coa recuperada Júlia Noz e o seu retorno alixeira unha enfermaría na que queda Ángela Nieto e Naza Calzado. A portuguesa é consciente do condicionante físico que supón xogar sete partidos en tres semanas. Porén, afirma que “o sábado pode ser prioritario, mais este choque non é un amigábel”.