Fútbol

A PREVIA | O Pontevedra, a reverdecer vellos loureiros na Copa

Só os granates, o Arenteiro e mais o Celta sobreviven no torneo do K.O.
Os de Antonio Fernández terá diante o Tenerife. (Foto: Pontevedra CF)
photo_camera Os de Antonio Fernández terá diante o Tenerife. (Foto: Pontevedra CF)

O esférico bota a rodar hoxe co gallo da disputa dos trintaedousavos de final da Copa do Rei, competición na que, tras tan só unha rolda previa e unha eliminatoria inicial, unicamente sobreviven tres equipos da Galiza: o Pontevedra, o Arenteiro e o Real Club Celta.

Para ver entrar en acción o conxunto celeste, no que será o seu primeiro partido oficial desde hai máis dun mes a causa da parada imposta na Primeira División polo Mundial de Qatar, haberá que agardar até mañá, 22 de decembro, pero a escuadra da cidade do Lérez competirá xa no día de hoxe.

O Pontevedra gañou o dereito a estar no sorteo após superar o Manresa por 1-3, sendo o seu contrincante nesta ocasión un equipo de categoría superior, o Club Deportivo Tenerife -décimo sétimo clasificado da Segunda División-, a quen recibe en Pasarón ás 21 horas.

Como é lóxico, os favoritos son os chicharreros, que teñen como adestrador un home que forma parte do capítulo máis glorioso doutro equipo galego, o Deportivo da Coruña, pois Luís Miguel Ramis levantou o título ligueiro no ano 2000.

Non obstante, en Pontevedra están decididos a dar a sorpresa e seguir avanzando roldas para reverdecer os vellos loureiros da década dos 60 e primeiros 70.

A última ocasión en que xogou unha rolda de oitavos de final foi na tempada 1971/72, caendo eliminado ante o Celta por un global de 3-1, porén, para alcanzar o seu mellor resultado histórico no torneo do KO hai que remontarse até a época de gloria do Hai que roelo, os 60, cando o Pontevedra estivo seis tempadas en Primeira División, chegando a xogar os cuartos de final da Copa en 1965 e 1967.

Comentarios