Pontevedra dá a benvida ao Mundial Sub-20 en Bucarest

O evento, previsto para setembro, será o primeiro no que participen deportistas de Rusia e Bielorrusia coa súa bandeira en territorio galego desde o inicio da guerra en Ucraína, alá por febreiro do 2022.

Lores é o alcalde da Boa Vila. Na imaxe, protagonizando unha intervención ante a United World Wrestling. (Foto: FGL).
photo_camera Lores é o alcalde da Boa Vila. Na imaxe, protagonizando unha intervención ante a United World Wrestling. (Foto: FGL).

A presenza galega no Campionato de Europa de Loita que vén de baixar o pano en Bucarest non só se limitou ás intervencións individuais de Nerea Pampín e Lydia Pérez.

A cidade natal desta última, Pontevedra, presentou ante a Asemblea da Federación Internacional de Loita (UWW) o vídeo de benvida ao Mundial Sub-20 que acollerá entre o 2 e o 8 de setembro do presente ano 2024. 

No filme tratou de proxectar o mellor que pode ofrecer a nivel de arquitectura, gastronomía e historia, salientando os grandes eventos deportivos que acolle ano tras ano.

Así, "o nome de Pontevedra volve posicionarse mundialmente grazas a un evento no que participarán 2.000 deportistas en representación de 84 países", destacou a Federación Galega de Loita (FGL), engadindo que será a primeira vez desde o inicio da guerra entre Rusia e Ucraína, en febreiro do 2022, que Rusia e Bielorrusia participen nun evento internacional baixo o seu pavillón en territorio do Estado español.

"É un punto de normalidade, e un gran problema loxístico e de seguridade en canto á súa participación, pero a posición da Federación Internacional é clara, pois ningún deportista comezou ningunha guerra e hai moitos outros países en conflito", concluíu.

Comentarios