Peleteiro regresa a Glasgow co gallo do Mundial 'indoor'

Alí gañou a medalla de ouro no Europeo de 2019
A ribeirense, a repetir o éxito de hai dúas semanas en Ourense. (Foto: Ana Peleteiro).
photo_camera A ribeirense, a repetir o éxito de hai dúas semanas en Ourense. (Foto: Ana Peleteiro).

A galega Ana Peleteiro volve á acción un par de semanas despois do seu triunfal paso polo Campionato de España que se disputou en Ourense, onde subiu ao máis alto do podio e obtivo a mínima federativa para estar nos Xogos Olímpicos de París.

Nesta ocasión será co gallo do Campionato do Mundo de Pista Curta, que comezou na sexta feura e que se estenderá até o próximo domingo na localidade escocesa de Glasgow, de gratísimo recordo para a saltadora.

Alí, en 2019, voou até os 14,73 metros, distancia que a fixo merecedora non só da medalla de ouro no Europeo de Pista Cuberta, senón que tamén lle serviu para rachar cun récord estatal indoor que posuía Carlota Castrejana desde 2007. 

O momento da verdade para a de Ribeira, quen foi oitava no último Mundial baixo teito, en 2022, após saltar 14,30 metros, será ás 11.18 horas do domingo, cando tratará de reeditar o éxito que logrou na anterior edición do certame, no 2018 en Birmingham (Inglaterra), onde rematou na terceira posición.

Trío de eventos estatais

Os e as atletas galegas encaran esta fin de semana tres campionatos distintos, que se disputarán nas localidades de Valencia, Gavá (Catalunya) e Donostia.

Até a primeira delas despranzaranse un total de 37 atletas para tomar parte no Estatal 'Indoor' Sub-16, no que os e as representantes do país aspiran a regresar cun importante número de medallas e boas marcas.

Entre a relación de participantes destacan o plusmarquista estatal en disco (64,10 metros) e peso (21,02), Hugo Casañas; Sabela Castelo, vixente campioa de España Sub-16 dos 3.000 metros; Beltrán Rivas, que pelexará polo ouro en altura; ou Aitana Capeans e Sara Caamaño en peso, sendo o máis probábel que venza unha das dúas lanzadoras.

Pola súa parte, o Estadi Municipal La Bóbila de Gavá acollerá o Estatal de 10.000 metros absoluto e Sub-23, e o dos 5.000 metros Sub-20 e Sub-18, que contará coa participación dun total de 13 atletas da Galiza, brillando os nomes de Teo de Frutos, Antía Castro e Isabel Caeiro.

Finalmente, preto dun cento de atletas da categoría Máster achegaranse até Donostia para ser parte dun Campionato de España de Pista Curta que durará até mañá e que ten entre os seus grandes atractivos á compostelá Esther Pedrosa. 

Comentarios