Baloncesto

O Peixegalego de Marín consegue o ascenso á Leb Ouro

Máis un equipo galego na Leb Ouro. O Club Peixegalego de Marín conseguiu o ascenso grazas á vitoria ante o Fragatas Morón, a undécima vitoria consecutiva.

[Imaxe: @baloncestofeb]
photo_camera [Imaxe: @baloncestofeb]

Galiza contará cun novo conxunto na Leb Ouro: o Club Peixegalego. O equipo de Marín logrou o ascenso após gañarlle por 83-68 ao Fragatas Morón no encontro disputado na tarde da sexta feira.

O dominio do partido desde os primeiros minutos –cun parcial demoledor de 22-0 no primeiro cuarto- levou os marinenses a acadar, por vez primeira, o paso para a Leb Ouro. Javonte Green (24 puntos), Navajas (23 puntos) e Antonio Pantín foron os referentes do equipo adestrado por Javier Llorente.

Os marinenses son o conxunto máis anotador da categoría, con 81,5 puntos de media. Lanzan 24 triplas por partido e asinan a mellor porcentaxe da Leb Prata.

Agora, unha vez consumado o ascenso deportivo, o club deberá batallar agora nos despachos, onde deberá amosar a súa viabilidade económica. Na Leb Ouro militan arestora o Cafés Candelas Breogán, o Leyma Basquet Coruña e o Ourense Provincia Termal.

Comentarios