O Concello de Carballo e Gadisa, distinguidos nos Premios de Agaxede

A gala de entrega de premios será o próximo 14 de decembro.
A reunión do xurado do evento. (Foto: Agaxede).
photo_camera A reunión do xurado do evento. (Foto: Agaxede).

Os XIV Premios Galiza á Xestión Deportiva xa teñen gañadores. Os galardóns que cada ano outorga a Axencia Galega de Xestión Deportiva (Agaxede) decidíronse hoxe logo da reunión no Nordés Club Empresarial da Coruña dun xurado que presidiu Eduardo Blanco Pereira e do que formaron parte representantes da Secretaría Xeral para o Deporte, a Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña, a Federación Galega de Municipios e Provincias, o Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física da Galiza, a Federación Galega da Prensa Deportiva, do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar e da propia Asociación Galega de Xestión Deportiva.

Nesta ocasión, o premio a Mellor Xestor Deportivo recaeu en Amador Riveiro, mentres que o que recoñece á Mellor Entidade Pública foi para o Concello de Carballo.

No eido privado, Gadisa recibiu o premio a Mellor Patrocinio Deportivo, mentres que o Club Marcha Nórdica Nordic Club obtivo o da Xestión Sostíbel no Deporte e a Sociedade Deportiva Silva, o da Xestión Deportiva con Perspectiva de Xénero.

A maiores, tamén foron premiados en distintas categorías empresas, institucións ou particulares como a Fundación Abrente-Enki, Imua Paddle Surf Club, Cristian Florín, Fernando Soria, o Club Ciclista Padronés-Cortizo, Máis que Auga ou o Concello de Cervo.

Todas estas distincións entregaranse aos e ás gañadoras nunha gala que coincidirá co I Encontro da Xestión Deportiva da Galiza, que terá lugar o próximo 14 de decembro, a partir das 19 horas da tarde no Nordés Club Empresarial da Coruña e no que, ademais, deportistas olímpicos e olímpicas disertarán sobre "o futuro do deporte social e cidadán".

Comentarios