Paula Otero Fernández, nadadora: "Deportes como a natación implican vivir o día a día"

A nadadora galega Paula Otero en Luxemburgo (Foto: Arteixo).
Paula Otero (Barcelona, 2004), deportista do Club de Natación Arteixo, está convocada até o 26 de marzo co equipo estatal absoluto de augas abertas a unha concentración en altura en Serra Nevada (Granada). Entre adestramento e adestramento, Nós Diario conversa con ela sobre os retos que ten por diante.

—Cal é a razón de contar cun adestramento en altura na súa modalidade deportiva?
Agora mesmo estamos nunhas instalacións que están situadas  en concreto a 2.320 metros de altitude e ás que acoden moitas seleccións de todo o mundo. Realizar os adestramentos de fondo nestas circunstancias é moi efectivo. É unha cuestión fisiolóxica.

O feito de estar a esta altura implica que teñamos máis dificultade para respirar e a chegada de oxíxeno é diferente e trabállase doutra maneira

O corpo, cando volve a nivel do mar, nota a diferenza e podes aguantar mellor os ritmos máis rápidos durante máis tempo. Ao final é algo moi importante nas probas de fondo. É unha preparación perfecta xusto antes de que chegue o Campionato de España, o máis importante se queremos clasificarnos para o Europeo e o Mundial.

—Dúas medallas de ouro no Euromeet de Luxemburgo en xaneiro é un comezo de ano moi esperanzador, non?
Si, a verdade é que non só polos metais, que tamén, senón polos propios tempos que fixen e a maneira de facer as probas. Nadei moi contenta o campionato e tiven boas sensacións para agora poder seguir con novos retos. 

—A alta competición, como é o seu caso, é cada vez máis exixente. Desde o ano pasado compaxina o deporte cos estudos en Fisioterapia. Como leva agora esta situación?
Non é nada doado. A universidade, para min, segue a ser presencial e teño que contar cos adestramentos diarios que realizo todas as mañás. Polas tardes, tiven a posibilidade de entrar nuns grupos de prácticas aos que, por exemplo estes días, non podo asistir. Neses casos non me queda outra que estudar pola miña conta. 

—Alén desta concentración, adestra habitualmente no Centro de Alto Rendemento de Sant Cugat, en Catalunya, despois de pasar polo Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra. Como foi a experiencia en ambos os dous?
En Pontevedra estiven mentres estudaba a Educación Secundaria Obrigatoria e o Bacharelato. Era menos relaxado ao ter que ir ao instituto. Os grupos de adestramentos tamén son diferentes. As categorías eran menores e agora mesmo en San Cugat eu son a máis nova.

Estou con deportistas máis maiores e os obxectivos tamén son diferentes. Cando estás en categoría Júnior non pensas en clasificarte para uns Xogos Olímpicos, non como agora. Estou contenta mais tamén boto de menos Pontevedra, os adestradores... Foron catro anos moi importantes para a miña formación. 

—Que papel xoga o adestrador nos seus adestramentos?
Hai que ter unha boa conexión. Pasas moitas horas nadando e, no meu caso, gústame que me diga se vou ben ou mal. Son elementos que necesito mentres estou na auga.

Estou con deportistas máis maiores e os obxectivos tamén son diferentes

—Estuda as rivais antes de cada competición?
Nunha competición somos oito e tes que coñecer un pouco as rivais para saber como nadan e como formular as probas. Porén, tamén tes que ter claro ti a túa propia estratexia. Non podes facela pensando nas demais, tes que facer a túa. Se unha rival nada sempre igual o normal é que repita, mais nunca o sabes ao 100%.

—Campionato de España, Europeo e despois os Xogos Olímpicos. Todo é posíbel?
A verdade é que nin o penso. O deporte, tamén a natación, é vivir o día a día. Hai que ter en conta que en calquera momento podes ter unha lesión ou calquera outra circunstancia que faga que o que planificaches non valla de nada.

Hai que vivir bastante o presente. As clasificacións son difíciles e haberá que traballar moito mais están aí. Pode saír ou non, mais o que está claro é que tentarei estar as veces que poida.