Paula Otero busca dar a sorpresa na final do Campionato de Europa de Natación

A galega clasifícase para a final nos 800 metros
A nadadora do CN Arteixo continúa coa súa progresión (Foto: Fegan).
photo_camera A nadadora do CN Arteixo continúa coa súa progresión (Foto: Fegan).

A natación non é un deses deportes que copa titulares, pois, como un parruliño feo, en moitas ocasións resulta opacada por outras disciplinas con máis  prédica como o todopoderoso fútbol, o baloncesto, o balonmán, o atletismo ou mesmo o hóckey, pero a novísima Paula Otero pretende rachar con ese statu quo a base de brazadas.

Nada en 2004, a deportista do Club Natación Arteixo estreouse hoxe no Campionato de Europa de Natación que se leva a cabo en Roma (Italia) na modalidade de 800 metros -tamén competirá nos 400 e no 1.500- clasificándose para a gran final tras rematar terceira na súa serie.

Logo dun comezo dubitativo desde a rúa '6', axiña logrou consolidarse nunha terceira posición que mantería até o final da carreira. Por diante da galega, que tardou 8.35.60 -rozando a súa mellor marca persoal- tan só remataron a alemá Isabel Gose  (8.30.01) e a turca Deniz Ertan  (8.33.43). 

O máis difícil aínda chegará no día de mañá, concretamente ás 19.27 horas da tarde, cando intentará dar a sorpresa e lograr unha medalla nunha final á que accede co sexto mellor tempo de entre todas as participantes.

A Liga Galeg de Caiac Polo, en Cangas

Sen saír do medio acuático, o cuarto torneo da Liga Galega de Caiac Polo chega a Cangas esta fin de semana para a disputa do Memorial Carlos Fernández, organizado polo Náutico de Rodeira en colaboración coa Federación Galega de Piragüismo. 

O campo de xogo estará instalado na dársena da lonxa, e a acción comezará o 14 de agosto, domingo, entre os cinco equipos participantes, que serán Penedo, Combarro -ambos nas categorías Sub-21 e absoluta- e Rodeira. O primeiro duelo será ás 9 horas da mañá e enfrontará Rodeira con Penedo. 

Comentarios