Notábel alto da natación galega no campionato de primavera

Beatriz Gómez Cortés, María Vilas, Óscar Pereiro, Marcos García, Aurora Pérez, Nerea Rodiño, Laura Pimentel, Lorenzo Ortiz, Rufino Regueira, Raquel Martinez ou Xenia Vilariño son algúns dos nomes de actualidade na nosa natación. Pasaron por Pontevedra e deixaron pegada para un futuro prometedor.

Beatriz Gómez Cortes
photo_camera Beatriz Gómez Cortes

Con só 18 anos Beatriz Gómez Cortés é xa unha realidade dentro do panorama da natación estatal. A deportista pontevedresa completou un extraordinario Open de primavera de natación, campionato que se realizou a fin de semana na piscina de Pontemuíños, en Pontevedra. Competiu coas figuras máis relevantes da natación no estado, na única cita na que se podían conseguir as mínimas para o campionato do Mundo que se celebrará en xullo na cidade de Barcelona. A nadadora pontevedresa conseguiu nada menos que tres medallas e outras tantas mínimas para o Mundial, sendo a primeira galega na historia que nadará 3 probas nun campionato do mundo.

A primeira medalla e a mínima mundialista chegáronlle no 800 libres, proba na que só puido gañarlle a medallista olímpica Mireia Belmonte e na que Bea bateu o récord galego con 8:26.54, terceira mellor marca mundial do ano. A pesar de non ser a súa proba favorita, Bea deixou fóra do Mundial á mesma Érika Villaécija, que non se ausentaba dun 800 en probas internacionais dende había 10 anos.

A segunda mínima chegou xa no segundo día de competición na proba de 400 estilos onde Bea apañou a medalla de prata (de novo só superada por Mireia Belmonte) e un novo récord galego, 4:39.86, case 5 segundos mellor que o anterior.  Arroupada por unha piscina entregada a ela, meteuse tamén na final de 200 estilos gañando un bronce que lle deixou un novo récord galego parando o crono en  2:12,09 e, tamén, unha nova mínima mundialista.  A nadadora pontevedresa tamén se clasificou 5º na final do 200 libres, o que lle permitirá nadar a remuda do 4x200 en Barcelona.

Alén de Bea participaron outr@s moit@s nadador@s galeg@s neste Campionato de España entre os que destacou María Vilas, ribeirense de tan só 17 anos que obtivo un bronce nos 1.500 metros e deixou unha actuación estelar nos 400 estilos quedando cuarta na final e conseguindo mínima mundialista (ao só poderen ir dúas nadadoras por proba ao mundial, María concorrerá aos Xogos do Mediterráneo). O arzuán Óscar Pereiro foi bronce nos 50 costas con 25.37, por baixo da mínima e a só unha centésima do récord galego. Destacada foi tamén a actuación do nadador do CN Ferrol Marcos García que conseguiu un bronce en 100 bolboreta (superado polo recordman mundial Rafa Muñoz) e foi sexto na proba curta de bolboreta. Nadadores como Aurora Pérez, Nerea Rodiño, Laura Pimentel, Lorenzo Ortiz,Rufino Regueira,  Raquel Martinez ou Xenia Vilariño tamén se clasificaron para diversas finais, o que confirma o grande momento de forma da natación galega. @s nos@s non estiveron s@s, xa que as gradas da piscina de Pontemuíños ateigáronse durante as catro xornadas do OPEN, do cal cabe salientar a boa organización por parte do CN Galaico e da FEGAN e tamén a gran acollida e disposición, que, unha vez máis, amosou a cidade de Pontevedra con este tipo de eventos en xeral, e coa natación en particular.

O Salvamento deportivo é un deporte minoritario pero asentado en Galiza dende hai máis de 15 anos

Galiza tamén destaca en Salvamento e Socorrismo

Galiza non só emerxe como potencia en natación, mais tamén en Salvamento e Socorrismo. A pasada fin de semana realizáronse en Madrid os  campionatos de España Absolutos de Salvamento. Os deportistas galegos alí presentes colleitaron uns magníficos resultados, entre os que destacou a nadadora Cristina García (P.C. Sanxenxo) con 4 medallas (entre elas un ouro na proba 200m supersocorrista). Tamén apañaron medallas Daniel Suárez (Acuático Umia) cun ouro en 50 rescate xunior, Enrique Ramilo (Club SAL)  con dous bronces en 100m aletas e 200 superSos xunior e María Gallardo (Club S. Arteixo) bronce en 200m obstáculos xuvenil. A estes resultados individuais hai que lle engadir varias medallas nas remudas a cargo dos clubes Acuático Umia , SAL, Salvamento Arteixo e Club Cerceda e tamén varios récords galegos, o que, no cómputo global, son os mellores resultados dos clubs galegos en Campionatos estatais.

O Salvamento deportivo é un deporte minoritario, mais asente en Galiza dende hai máis de 15 anos e que conta, na actualidade, con 11 clubs repartidos polo país e case 500 deportistas federados que compiten en ligas e campionatos galegos e estatais de piscina no inverno e de praia no verán.

Comentarios