Oito partidos nunha intensa fin de semana de fútbol Mundial

Varios dos principais favoritos entran en acción este sábado e domingo.
O partido entre os combinados dos estados alemán e español de mañá domingo será determinande para o devir do seu grupo. De perder, os teutóns quedarán fóra do torneo. (Foto: EP).
photo_camera O partido entre os combinados dos estados alemán e español de mañá domingo será determinande para o devir do seu grupo. De perder, os teutóns quedarán fóra do torneo. (Foto: EP).

Tanto este sábado como domingo veñen cargados de partidos, algúns deles, sobre o papel, dos máis interesantes da competición.

Así, o sábado vén cargado con catro partidos no que o menos atractivo é o primeiro, un choque entre Tunisia e Australia que ten como principal interese a influencia que pode ter nunha clasificación final dun Grupo 'D' no que a principal candidata a rematar no primeiro posto, Francia, compite ás 17 cunha Dinamarca que non se pode permitir perder se non quere quedar eliminada prematuramente da competición. 

Nos outros xogos do día, a sorprendente Arabia Saudita quere facer con Polonia o mesmo que fixo ante a Arxentina, asegurándose rematar de primeira dun Grupo 'C' no que a albiceleste está obrigada a gañar México (20 horas) se non quere quedar fóra dunha Copa do Mundo en primeira rolda por vez primeira desde 2002.

Outro favorito en apuros é Alemaña, que após perder coa selección xaponesa -que tratará de subir ao liderado do Grupo 'E' vencendo Costa Rica (mañá, 11 horas), quizais o equipo máis feble do torneo- está obrigada a sumar os tres puntos ante a selección española de Luís Enrique (mañá, 20 horas), que chega nun bo momento anímico tras golear, precisamente, os ticos na súa estrea.   

Por último, o Grupo 'F' completará a súa segunda xornada, tamén mañá, cun Bélxica-Marrocos (14 horas) e un Croacia-Canadá (17 horas) que deberían botar luz sobre un dos cadros máis igualados e imprevisíbeis.

Comentarios