Mundial de Qatar

Portugal presenta a súa candidatura ao título

Os lusos venceron Ghana por 3 goles a 2.
Cristiano tornou no primeiro xogador en marcar en cinco mundiais. (Foto: Europa Press)
photo_camera Cristiano tornou no primeiro xogador en marcar en cinco mundiais. (Foto: Europa Press)

A xornada futbolística no Mundial arrancou cun pobre Suíza-Camerún que se decantou do lado helvético (1-0) grazas a un tanto dun xogador nado, curiosamente, no país africano,  Breel Embolo.

Non moito máis animado foi o Uruguai-Corea do Sur, no que os Luís Suárez, Godín, Fede Valverde, Darwin Núñez e compañía foron incapaces de superar a escuadra do futbolista do Tottenham Son Heung-min. Xa pola tarde, Portugal superou Ghana por 3 a 2 e Cristiano tornou no primeiro futbolista en marcar en cinco Copas do Mundo diferentes.

Comprará Amancio Ortega o Manchester United?

O indiscutíbel líder do combinado portugués, Cristiano Ronaldo, militaba até hai tres días no Manchester United, do que quedou desvinculado de mutuo acordo logo dunha serie de intensas polémicas co adestrador, Ten Hag, e a directiva Red.

Poucas horas despois, a familia Glazer, máxima accionista do club desde 2005, anunciaba a súa intención de vender o histórico conxunto inglés, xurdindo inmediatamente na prensa británica unha serie de nomes de posíbeis interesados, entre os que se incluía unha lenda do Manchester como é David Beckham.

Porén, nas últimas horas, tamén desde as illas británicas, xurdiu un novo posíbel propietario do tres veces gañador da Champions League: Amancio Ortega. Segundo o Manchester Evenign News o empresario galego xa entrou en contacto coa familia Glazer e outros executivos de Old Trafford, que lle expresarían que o acordo podería roldar os sete billóns de euros, algo máis de 10% dunha fortuna persoal de Ortega que se estima en 61 billóns.

Inglaterra-Estados Unidos, partido estrela do día

Os equipos dos grupos 'A' e 'B' volven entrar en acción no día de hoxe, que trae consigo catro partidos entre os que destaca o Inglaterra-Estados Unidos (20 horas). Os ingleses, firmes candidatos ao título, medirán as súas forzas coa sorprendente selección das barras e estrelas, que xa dominaron o País de Gales.

No referente a Bale e compañía, buscarán o seu primeiro triunfo ante un Irán (11) que de non gañar diría adeus ao Mundial. Na mesma situación está a anfitrioa, Qatar, que colisiona co Senegal ás 14 horas. Ademais, o  Países Baixos-Ecuador decidirá o líder do Grupo 'A'.

Comentarios