Os xogadores alemáns tapan a boca en denuncia da censura no mundial de Qatar

O combinado do Estado español evita facer ningún tipo de xesto en apoio do colectivo LGBT en Qatar.
Os xogadores da selección xermana taparon a boca esta cuarta feira en protesta pola censura no mundial de Qatar (Foto: Relevo).
photo_camera Os xogadores da selección xermana taparon a boca esta cuarta feira en protesta pola censura no mundial de Qatar (Foto: Relevo).

“Prohibirnos levar o brazalete é como taparnos a boca”, argumentaron os xogadores da selección alemá de fútbol para argumentar o seu xesto de taparse a boca ao comezo do seu partido mundialista contra o combinado do Xapón.

Os xermanos protestaron deste modo ante a prohibición da organización da maior cita futbolística do mundo de portar os brazaletes ‘One Love’ que reivindican a igualdade de orientación sexual e a defensa dos dereitos do colectivo LGBT.

A ministra do Interior de Alemaña, Nancy Faeser, si luciu o brazalete 'One Love' coa bandeira multicolor da comunidade LGBT desde o palco do encontro entre o Xapón e Alemaña desta cuarta feira en protesta contra Qatar e a FIFA.

Previamente, a Federación Alemá de Fútbol (DFB) saíu na terza feira ao paso das críticas que recibiu por renunciar a usar o brazalete solidario en Qatar 2022 e xustificou a decisión alegando unha "chantaxe" da Federación Internacional de Fútbol Asociación​ (FIFA), mentres tanto, dixo que se está pensando recorrer contra a prohibición.

"Non nos axeonllamos ante a FIFA. Entendemos a decepción e a indignación. Fomos sometidos a unha chantaxe extrema pola que pensamos que tiñamos que tomar esta decisión, aínda que non queriamos tomala", explicou o director de comunicación da DFB Steffen Simon en declaracións á emisora Deutschlandfunk.

A DFB informou ademais que se está pensando recorrer contra a prohibición pola FIFA de usar os brazaletes ‘One love’ en apoio ao colectivo LGBT durante os partidos do Mundial. "A FIFA prohibiunos (mostrar) un signo de diversidade e dereitos humanos. Proferiu ameazas masivas de sancións deportivas, sen concretalas", declarou o portavoz da organización xermana a SID, a axencia deportiva alemá e filial da AFP.

Recurso ante tribunal de arbitraxe

Segundo o diario alemán Bild, a DFB podería interpor un recurso ante o Tribunal de Arbitraxe Deportiva (TAS), institución independente con sede en Lausana (Suíza), contra a prohibición da FIFA. O TAS, que se dedica á resolución de litixios no ámbito do deporte, indicou "non recibir nada" polo momento. 

"En principio, o caso debería remitirse primeiro á Comisión de Apelación da FIFA. A base está no artigo 57 do Estatuto da FIFA. Non hai precedente no TAS para este tipo de rexeitamento de autorización", sinalou un portavoz do TAS. A FIFA advertiu, segundo varias federacións estatais, que se os capitáns levaban un brazalete 'One love' recibirían un cartón amarelo no inicio do encontro.

A representación do Estado español permanece impasíbel

A Real Federación Española de Fútbol (RFEF), a diferenza doutras, non realizou nin un só xesto de apoio ao colectivo LGBT en Qatar. Sete federacións europeas pediron formalmente vestir o brazalete ‘One Love’ . Por contra, a RFEF seguiu o ditame da FIFA e asegurou que empregará o brazalete que usa de forma usual.

Múltiples colectivos, entre eles a Conferación Intersindical Galega (CIG), denunciaron a adxudicación da cita por parte da FIFA a Qatar e moitos aspectos relacionados coa Copa do Mundo, como a morte de miles de traballadores migrantes na construción dos estadios, o papel denigrante ao que as leis deste Estado relegan ás mulleres ou a ausencia de dereitos e liberdades para o colectivo LGBT, perseguido e penado.

Blinken tamén critica á FIFA

O secretario de Estado dos Estados Unidos de América, Antony Blinken, declarou que "é moi preocupante ver calquera restrición á liberdade de expresión, en particular cando se trata de expresarse sobre a diversidade".

Xunto ao seu homólogo qatarí, Mohammed ben Abderrahmane Al-Thani, o xefe da diplomacia estadounidense sinalou ante preguntas de xornalistas, que "ninguén no campo de fútbol debe estar obrigado a elixir entre xogar e defender os seus valores".

O ministro qatarí, pola súa parte, lamentou que o Estado que representa sexa "vítima de ideas preconcibidas", despois de que este Mundial sexa especialmente polémico, sobre todo debido ás acusacións de violacións dos dereitos humanos.

 

 

comentarios