O Club Gairesa O Parrulo visitará ao Malacitano Futsal na Copa de España

O equipo de Ferrol participará por segunda vez consecutiva nesta Copa. O seu rival chega a esta eliminatoria como campión ligueiro do grupo V de División de Honra Xuvenil.
O Club Gairesa O Parrulo (Foto: Nós Diario)
photo_camera O Club Gairesa O Parrulo (Foto: Nós Diario)

O Club Gairesa O Parrulo xa coñece como será a Copa de España xuvenil, tras lograr o subcampionato ligueiro de División de Honra Xuvenil, no seu grupo I.

Os ferroláns, tras pasar polo sorteo, visitarán ao Malacitano Futsal nos oitavos de final, nunha eliminatoria que terá lugar a partido único e que se disputará a fin de semana do 4 e 5 de xuño, probabelmente no Pavillón Guadaljaire, da localidade malagueña.

O seu rival, o Malacitano Futsal, chega a esta eliminatoria como campión ligueiro do grupo V de División de Honra Xuvenil, con 85 puntos e un rexistro de 28 vitorias, un empate e unha derrota nesta tempada, logrando avantaxar en 20 puntos aos segundos clasificados, o Real Betis.

O vencedor desta fase poderá clasificarse para a eliminatoria  final que terá lugar o 10, 11 e 12 de xuño, nunha sede que aínda está por determinar e onde en cuartos de final veranse as caras cos vencedores da eliminatoria entre Aljucer El Pozo e Associació Esportiva Les Corts

Segunda participación nesta competición 

Esta será a segunda participación consecutiva para o equipo ferrolán nesta Copa. Despois dunha competición axustada, na tempada pasada lograron chegar á fase final, disputando os cuartos de final. 

Con estes antecedentes desde o club esperan poder igualar, cando menos, este rexistro. A posibilidade sumaríase ao xa conseguido esta tempada ao poder disputar a Copa Real Federación Española de Fútbol  (RFEF) Xuvenil en Xaén (Andalucía), nunha competición paralela á Copa de España de Primeira División, ao finalizar no primeiro posto da primeira volta en División de Honra Xuvenil.

Comentarios