O Dépor recupera esta cuarta feira o partido da primeira xornada

O Talavera podería ser o revulsivo do Coruña esta cuarta feira en Riazor. O partido recupera a primeira xornada que os da Coruña non xogaron ao ser excluído o  DUX Internacional de Madrid da competición poucos días despois.
Borja Jiménez, pensativo durante o adestramento do Dépor (Foto: RCDeportivo).
photo_camera Borja Jiménez, pensativo durante o adestramento do Dépor (Foto: RCDeportivo).

O Dépor tentará esta cuarta feira pasar páxina ao empate do pasado sábado en Balaídos ante o RC Celta B. Borja Jiménez analizou ao inicio desta semana cos seus xogadores as imaxes dun encontro que deixou para o equipo branquiazul máis dúbidas que certezas. 

Este 28 de setembro recupérase o partido aprazado da primeira xornada diante do CF Talavera da Raíña (Riazor, 20 horas) que no seu día tiña que xogar contra o DUX Internacional de Madrid, excluído da competición poucos días despois. 

A pasada fin de semana a clasificación concluíu co Dépor nun sexto lugar na táboa con 8 puntos, pendente deste encontro para igualar os partidos co resto de rivais. Por diante continúa de líder o Córdoba CF, con pleno de vitorias nas cinco xornadas disputadas. 

Máis probas para recuperar o equipo 

Esta segunda feira, após un quecemento con rondos, o corpo técnico deportivista dispuxo un exercicio táctico con portarías pequenas nun primeiro esquema do plan de partido. O traballo estivo protagonizado polo fútbol en espazo reducido e de alta intensidade. Todo o cadro estivo a disposición de Borja Jiménez salvo Gorka Santamaría, que quedou ese día no seu domicilio afectado dunha gastroenterite.

Onte, na sesión de adestramento, o técnico Borja Jiménez traballou cunha formación integrada por Mackay, Antoñito, Lapeña, Pablo Martínez, Víctor Narro, Rubén Díez, Villares, Álex Bergantiños, Isi Gómez, Soriano e Quiles, ademais de con Gorka Santamaría, que regresou ao traballo tras recuperarse da súa doenza. 

Falta de gol

O Dépor está a ter moitas dificultades para xerar ocasións de gol e no que levamos de campionato só anotou cinco tantos cando na tempada pasada, por estas mesmas datas, xa levaba dez. Un exemplo é Quiles, que chegou a anotar 20 goles ao remate do campionato, e xa levaba tres no seu marcador particular cando nesta campaña actual aínda non acertou entre os tres paus.

Para o partido de hoxe, o adestrador branquiazul terá a opción de apostar polos xogadores que están máis acertados de cara á portaría, como é o caso de Mariano Soriano que leva tres ou insistir con Quiles agardando que volva á senda.

Comentarios