Orgullosa exclusión europea do Celta

Durante as tempadas 1995/96 e 96/97 a Liga desenvolveuse baixo o criticadísimo formato de 22 equipos, pero, cousas das voltas que dá a vida, que ben lle virían agora esas catro balas extra a un Celta en auténtico estado de graza, pois o único que impediu que os do Chacho Coudet se clasificasen para unha competición europea foi a falta de datas no calendario.
Dous goles de Santi Mina foron abondo para superar o Barcelona (1-2) e certificar a quinta vitoria celeste consecutiva. (Foto: La Liga).
photo_camera Dous goles de Santi Mina foron abondo para superar o Barcelona (1-2) e certificar a quinta vitoria celeste consecutiva. (Foto: La Liga).

Ante o Fútbol Club Barcelona, e na súa casa, o conxunto celeste logrou a quinta vitoria consecutiva (1-2), igualando así a súa mellor marca histórica, estabelecida polo icónico Celta de Víctor Fernández, Karpin, Mostovoi, Catanha e compañía hai exactamente 20 anos, concretamente entre os meses de marzo e abril de 2001, o que lle serviu para finalizar o campionato na sexta posición e clasificarse para disputar a por aquel entón coñecida como Copa da UEFA.

Lamentabelmente a presente fazaña lograda por Coudet e os seus homes non terá a mesma recompensa, pois os triunfos por 4-0 do Vilarreal ante un Sevilla absolutamente desmotivado logo de perder o tren do título, e do Betis ante o Huesca (1-0) nun partido decidido por un penalti extremadamente rigoroso materializado, cruel ironía, por un galego formado nas categorías inferiores do Celta, Borja Iglesias, deixan matematicamente fóra de Europa o Celta de Vigo.

Con todo, este final de campaña, que a pesar da desaparición do incentivo da loita na procura da competición continental tratará de fechar pola porta grande nunha derradeira xornada que supón o regreso do público a Balaídos case 500 días despois, cimenta un futuro prometedor de cara á vindeira tempada.

Para iso resulta fundamental asegurar a continuidade do grande artífice deste novo Celta gañador, Eduardo Coudet, mais o arxentino non garante esa continuidade, asegurando que cando conclúa a presente tempada, o 23 de maio, sentará coa directiva "a falar do tema".

A arbitraxe acaba coas opcións de subir do filial

A eliminación do filial na primeira rolda do play-off de ascenso á Segunda División a mans do Athletic de Bilbao B encaixa á perfección neste ton agridoce que caracterizou a fin de semana futbolística para o conxunto vigués.

O Celta B de Onésimo Sánchez tiña controlado o partido ante os leóns até que unha das expulsións máis surrealistas dos últimos tempos no mundo do fútbol -totalmente "inventada" polo colexiado, nas palabras do propio Onésimo- cambiou definitivamente o curso do partido.

Tan só cinco minutos despois de que Markel abandonase o terreo de xogo, o filial bilbaíno anotaba dous goles que decidían a eliminatoria. O tanto de Losada no 82 foi só un espellismo nun tramo final de partido convertido en recital de malas artes e perda de tempo máis propio de cans vellos do fútbol que de cachorros de león.

O Coruxo, á Segunda RFEF

Gran día para o Coruxo, que eludiu definitivamente o descenso á Terceira División e xogará a vindeira tempada na Segunda RFEF. O Pontevedra, pola súa banda, aínda terá que agardar unha semana máis, despois de non ser quen de pasar do empate ante o Lealtad (2-2).

Dous penaltis de Hugo Rama aferran o Lugo á Segunda

Unha das expresións pospartido máis habituais no mundo do fútbol é esa de "xogamos como nunca, perdemos como sempre". Non obstante, ás veces acontece xusto o contrario, como no caso do partido do Club Deportivo Lugo ante o Mirandés.  A escuadra albivermella volveu exhibir sobre o céspede do Ángel Carro o baixo nivel que a caracteriza desde hai moitas xornadas, pero a pesar diso logrou un triunfo que se lle resistía desde o 23 de xaneiro.

O regreso do público ao coliseo lucense 14 meses despois sen dúbida foi fundamental para o bo devir do encontro, pois o árbitro sentiu na caluga toda a presión das case 2.000 espectadoras á hora de sinalar os dous penaltis que transformaría Manu Barreiro nos minutos 87 e 92 de partido e que materializarían unha épica remontada. Con todo, o do Mirandés foi só un match-ball dos moitos que lle quedan por superar ao Club Deportivo Lugo, sendo o seguinte xa no día de mañá no campo do Albacete (21.30 horas). Situado agora a un punto da salvación, todo o que non sexa volver da casa do fechacancelas cos tres puntos podería ser fatal para os intereses do único equipo galego na categoría de prata.

Comentarios