As mulleres dirixirán o seu primeiro partido nun Mundial

Tres árbitras farán historia no Alemaña-Costa Rica.
Stephanie Frappart será a colexiada principal do encontro. (Foto: EP).
photo_camera Stephanie Frappart será a colexiada principal do encontro. (Foto: EP).

Un dos temas polos que a FIFA vén sendo obxecto de críticas desde o inicio deste polémico Mundial de Qatar é que, a pesar de designar seis mulleres para dirixir partidos no torneo -tres como colexiadas principais e tres asistentes- non tiveran a oportunidade de debutar nas dúas primeiras xornadas da fase de grupos.

Pero a espera rematou, e tras máis de 40 partidos será a quenda dun trío arbitral integramente feminino. Deste modo, a francesa Stephanie Frappart -que xa rompeu un teito de cristal na Copa do Mundo ao converterse na primeira muller cuarto árbitro, concretamente no choque entre México e Polonia da pasada segunda feira- , acompañada pola brasileira Neuza Back e a mexicana Karen Díaz, dirixirán o Costa Rica-Alemaña previsto para as 20 horas de hoxe. 

"Debemos estar tranquilas, centradas, concentradas, e non pensar demasiado nos medios de comunicación e en todo o demais, só no que ocorre no campo", recoñeceu Frappart.

Morbo no Grupo 'E'

Ese enfrontamento entre costarricenses e alemáns será determinante para saber se o combinado teutón, un dos grandes favoritos, queda fóra da Copa, pois chega ao derradeiro encontro da rolda inicial en último lugar con só un punto.

Costa Rica, pola súa parte, é terceira con tres puntos, empatada a todo salvo na diferencia de goles cunha Xapón que á mesma hora afronta o desafío da selección española de Luís Enrique, un óso duro de roer que, non obstante, tamén provocou dúbidas, polo que calquera cousa pode pasar no 'grupo da morte'.

Ademais, mañá tamén se coñecerán os clasificados dun tamén igualadísimo Grupo 'F'. Croacia e Bélxica xogarán ás 16 horas sabendo que o perdedor quedará -con case toda seguridade- eliminado do torneo, a expensas do resultado dun Marrocos-Canadá no que os leóns do atlas son favoritos. 

Sorpresa tunesina

Tunisia sorprendeu o mundo do fútbol derrotando unha Francia xa clasificada (1-0). Porén, a vitoria non foi abondo para clasificar aos oitavos de final, xa que dependía do que acontecera no Australia-Dinamarca. Alí, a pesar do favoritismo escandinavo, os aussies impuxéronse grazas a un tanto de Leckie no minuto 60 e a un gran Ryan baixo paus.

Comentarios