A "monstruosa" exclusión de Rusia dos Xogos Paralímpicos

O presidente do CPI recoñece sufrir "presións".
Rusia organizou os Xogos Paralímpicos hai oito anos na localidade de Sochi. (Foto: CPI).
photo_camera Rusia organizou os Xogos Paralímpicos hai oito anos na localidade de Sochi. (Foto: CPI).

O Comité  Paralímpico Internacional (CPI) non permitirá a participación de Rusia e Bielorrusia nos Xogos Paralímpicos de Inverno, que se inauguran hoxe en Pequín, debido ás "ameazas de non competir" doutros países que lle "obrigaron" a cambiar de opinión en 24 horas, logo de que confirmase que os e as deportistas de ambos os países poderían competir na cita como neutrais e que non se lles ía vetar pola invasión rusa a Ucraína.

"Tras unha reunión especialmente convocada, a Xunta de Goberno do Comité  Paralímpico Internacional decidiu rexeitar as entradas dos atletas do Comité Paralímpico Ruso e do Comité Paralímpico Bielorruso nos Xogos de Inverno de Pequín 2022", sinalou o CPI nun comunicado publicado na súa páxina web.

Desde Rusia cualificaron esta medida como "monstruosa". "É unha auténtica vergoña para o Comité Paralímpico Internacional, non podo dicir outra cousa", engadiu Dmitri Peskov, portavoz da Presidencia rusa.

Neste sentido, Andrew Parsons, presidente do CPI, xustificou a medida recalcando que, a pesar de que no organismo que dirixe cren "firmemente que o deporte e a política non deben mesturarse", o conflito bélico está a afectar á cita "entre bambalinas" a causa da influenza que exercen sobre a mesma "moitos gobernos".

Parsons non esquece que "garantir a seguridade dos deportistas é de suma importancia, e a situación nas vilas olímpicas agora volveuse insostíbel".

"Ante todo, temos o deber de garantir e supervisar a organización duns Xogos exitosos para asegurar que no deporte practicado dentro do Movemento Paralímpico prevaleza o espírito de xogo limpo, a prohibición da violencia, a xestión de risco para a saúde dos deportistas e o respecto aos principios éticos fundamentais", subliñou.

"Con isto en mente, decidimos rexeitar a entrada dos deportistas de Rusia e Bielorrusia. Aos atletas dos países afectados, dicirlles que lamentamos moito que se vexan afectados polas decisións que tomaron os seus gobernos a semana pasada ao violar a Tregua Olímpica, sodes vítimas das súas accións", remarcou orientando as súas palabras directamente aos e ás 83 atletas que se ven directamente afectadas pola medida do Comité Paralímpico Internacional.

Comentarios