O mexicano Marco Garcés, novo Director de Fútbol do Celta de Vigo

O novo Director de Fútbol do Celta traballou na canteira do Liverpool e do Manchester United.
Imaxe de presentación de Marco Garcés no Celta (RC Celta).
photo_camera Imaxe de presentación de Marco Garcés no Celta (RC Celta).

O RC Celta comezou onte a dar os primeiros pasos na reestruturación da súa área deportiva, unha das "pedras angulares" do proxecto liderado pola nova presidenta Marián Mouriño, que busca "pór o foco e os esforzos do club no fútbol e a mellora da súa competitividade deportiva". Así, o club celeste anunciou a través dun comunicado que Marco Garcés xa é o novo Director de Fútbol da entidade viguesa.

"Un profesional de contrastada experiencia que se incorpora coa misión de desenvolver un proxecto de fútbol baseado en impulsar o desempeño competitivo do primeiro equipo sustentado na canteira, coa idea de mellorar o desenvolvemento dos novos talentos até o primeiro conxunto celeste", explica o Celta.

A área deportiva que liderará Garcés contará cunha estrutura propia de captación de talento que reforzará a xa existente, ademais dun persoal multidisciplinar que "potenciará o rendemento e competitividade dos xogadores de todas as categorías" do club olívico.

De Liverpool e Manchester a Vigo

Marco Garcés, natural de México, representa a terceira xeración de xogadores na súa familia, xa que o seu pai e avó foron futbolistas de éxito no país mexicano. Conta, segundo o Celta, cunha ampla formación en diversas disciplinas relacionadas co fútbol. Tras unha ampla experiencia traballando na canteira do Liverpool e no desenvolvemento e captación de talento para o Manchester United, Garcés chega a Vigo con "confianza e ambición".

"Temos que crer que se pode, ter a audacia da esperanza. Os mozos da canteira teñen que crer que poden chegar ao primeiro equipo e o primeiro equipo que o seu lugar é a elite. Ninguén debe renderse nunca", manifestou o propio Garcés que terá a misión de axudar unha escuadra que enfronta un 2024 complicado co Celta en postos de descenso.

Comentarios