Marín e Burela inician a procura dun soño copeiro moi 'real'

Ambos os equipos galegos aspiran a facerse coa Copa da Raíña de fútbol sala 
O Burela quere volver levantar un torneo que xa conquistou en 2021. (Foto: RFEF).
photo_camera Burela -vixente campión- e Marín parten desde cadros opostos, polo que poderían protagonizar unha final 100% galega. (Foto: RFEF).

Campión en 2013, 2019, 2020, 2021 e 2022. Subcampión en 2015, 2016 e 2018. O nome do Pescados Rubén Burela é sinónimo de éxito na Copa da Raíña, aínda que a gloria copeira non se circunscribe só ao territorio da Mariña, pois Poio Pescamar foi segundo en 2020, Ourense Envialia levantou o trofeo en 2017 e, nas orixes da competición, aló pola década dos 90, tamén subiron ao máis alto do podio Sal Lence da Coruña (1995, 1997) e Club Deportivo Ourense (1999).

Con este escenario, o soño do enésimo éxito da Galiza no torneo do KO transcende os límites do optimismo para tornar nunha realidade case axiomática que nesta ocasión recae sobre os ombreiros do vixente campión, Pescados Rubén Burela, e do sorprendente Marín, que hai apenas ano e medio aínda xogaba na Segunda División.

Navalcarnero, o 'coco'

A pelota botará a rodar hoxe na 'Final 8' da Copa da Raíña 2023 na madrileña localidade de Boadilla, sendo o primeiro conxunto do país en entrar en acción o Burela, que colisionará co Móstoles (hoxe, 13.30 horas) nuns cuartos de final que se disputarán a partido único.

De vencer, xogaría as semifinais mañá á mesma hora contra o gañador do Alcorcón-Gran Canaria.

Polo outro lado do cadro, Marín Futsal tratará de dar a sorpresa eliminando o STV Roldán (hoxe, 16 horas), consciente de que, de conseguilo, con case toda seguridade terá que enfrontarse nas semifinal (mañá, 16 horas) contra o mellor equipo do Estado, Atlético Navalcarnero, máis que posíbel vencedor da súa eliminatoria de cuartos ante o Melilla.   

Bos precedentes para os intereses galegos

Os rivais nos cuartos de final de Marín e Burela son STV Roldán e Móstoles, respectivamente, clubs ante os que obtiveron resultados positivos nos seus últimos enfrontamentos. Así, a pasada fin de semana a escuadra laranxa protagonizou unha remontada para a historia, vencendo por 6-9 un partido que ía perdendo 6-0. O Marín, pola súa parte, rañou un meritorio empate (1-1) na pista do STV Roldán.

Comentarios