O Burela levanta a Copa da Raíña e demostra que segue a ser o mellor

Os penaltis determinaron o definitivo triunfo laranxa.
As xogadoras do cadro da Mariña posan cun trofeo que representa a súa cuarta Copa consecutiva. (Foto: RFEF).
photo_camera As xogadoras do cadro da Mariña posan cun trofeo que representa a súa cuarta Copa consecutiva. (Foto: RFEF).

Chegaba o Pescados Rubén Burela a Ourense, sede da edición de 2022 da Copa da Raíña, coa idea de lograr o seu cuarto título consecutivo no torneo do KO, mais con dúbidas logo de deixar escapar nas semanas previas torneos como a Copa Galiza -o que levou a un cambio no banco da escuadra laranxa- ou algúns puntos contra prognóstico no campionato ligueiro.

Non obstante, nos momentos decisivos as xogadoras laranxas demostraron que continúan a ser as mellores, proclamándose campioas da Copa da Raíña tras apear nos cuartos de final o seu verdugo na Copa Galiza e conxunto anfitrión -Ourense Envialia- e nas semifinais o Alcorcón, nun choque que se decidiu desde a quenda de penaltis.

Na finalísima o seu rival non foi outro que o poderoso Futsi Atlético Navalcarnero, protagonizando un partidazo entre dous equipos moi igualados que se tivo que decidir, igual que acontecera nas semifinais, nos lanzamentos da pena máxima (3-3 no tempo regular e 5-4 nos penaltis).

E iso que a final copeira comezou cun Futsi mellor situado sobre pista, combinando ben e tendo oportunidades de adiantarse. Con todo, a porteira brasileira Jozi, vital no éxito galego neste torneo, evitou varios tantos seguros das madrileñas con intervencións de moito mérito.

Nos seguintes minutos o Burela logrou recuperarse e buscar a sorte do gol con máis afán, até que a atopou no minuto 13 por medio de Peque, cun fenomenal disparo cruzado tras ser asistida por Emilly nunha xogada ensaiada. Lamentabelmente, poucos segundos máis tarde o Navalcarnero empataría cun gol de María Sanz e, inmediatamente despois, adiantaríase tras perforar as redes galegas Anita Luján.

Con este escenario o marcador do electrónico marcaba o minuto 15, unha conta atrás cara o descanso que o Burela aproveitou para buscar, sen éxito, o empate no marcador, unha intención coa que arrancaría a segunda metade até que o alcanzou xa no minuto 24, como consecuencia dunha falta lanzada por Emilly que fulminou a rede cun tremendo furolo.

Alcanzada -como dirían no ciclismo- a meta voante do empate, o seguinte porto de montaña era lograr situarse por diante, mais, de novo, cando parecía que o conseguirían o Futsi daba un mazazo en forma de gol no minuto 27, marcado maxistralmente co calcaño por Becha. 

Desesperado, o Pescados Rubén Burela pasou a formar con cinco xogadoras de campo nos últimos catro minutos, dando entrada a Lara Balseiro, un cambio que resultaría decisivo, pois a tan só catro minutos para que soase a bucina logrou o empate.  

Xa na prórroga, ambos os conxuntos exhibiron a tensión propia do escenario no que se atopaban, e o intercambio de golpes non tombou ningún dos dous contendentes, polo que o trofeo se decidiría, igual que as semifinais, desde o punto de penalti. Alí, de novo Jozi foi fundamental, exhibindo a sangue fría propia dunha veterana do seu nivel e cun penalti parado por todos marcados polo Burela conseguiu que a Copa volva á Mariña un ano máis.

Os homes perden co Betis

A festa non puido ser completa na casa do Pescados Rubén, pois a división masculina, o único representante da Galiza na máxima categoría no fútbol sala estatal, volveu perder, nesta ocasión na casa ante o Betis (3-4), e continúa afundido no último posto da clasificación. 

Comentarios