Burela, Ourense e Marín, a pola Copa da Raíña de fútbol sala

O Paco Paz da Cidade das Burgas acolle até o domingo a fase final do torneo do KO.

O deporte feminino está vivindo os mellores momentos da súa historia, e dentro das múltiples disciplinas nas que as mulleres están rachando barreiras e teitos de cristal a do fútbol sala brilla con luz propia, sendo ademais das máis practicadas no país, o que leva a que a Galiza sexa protagonista nun trofeo da relevancia da Copa da Raíña de fútbol sala.

O Pazo dos Deportes Paco Paz da Cidade das Burgas, Ourense, torna desde hoxe e até o próximo domingo, 8 de maio, na casa estatal do fútbol sala feminino grazas á Copa da Raíña.

Alí retaranse oito dos mellores equipos do planeta, dos cales tres proceden da Galiza. A representación nacional está encabezada polo conxunto local, Ourense Envialia, que levantou a Copa no ano 2017, sen facer de menos o peso do Pescados Rubén Burela -campión das últimas tres edicións- e de Marín Futsal.

Precisamente a formación pontevedresa abrirá hoxe o torneo, nun partido correspondente á rolda de cuartos de final ante STV Roldán (13.30 horas). A escuadra murciana, cuarta clasificada na Liga, supón un importante desafío para un Marín para o que a súa presenza no torneo do KO xa é un premio. 

No caso de dar a sorpresa retaríase nas semifinais ante o gañador do duelo entre o Sala Zaragoza e o Atlético Futsi Navalcarnero, programado para as 16 horas, inmediatamente despois do Marín-Roldán.

Xa ás 18.30  horas será a quenda do Melilla Capital Torreblanca–Arriva AD Alcorcón, un choque moi igualado entre dous bloques cun mesmo obxectivo, "gañar a Copa", tal e como salientou a brasileira do Melilla Amandinha na prensa local antes de partir cara terras galegas.

Quen saia vitorioso será o último chanzo de Ourense Envialia e Pescados Rubén Burela na súa ruta cara a final. O duelo fratricida entre os vencedores de catro das cinco últimas edicións será ás 21 horas de hoxe, e non só porá o broche de ouro á primeira xornada copeira, senón que, no caso de imporse a escuadra da Cidade das Burgas, podería confirmar a súa condición como auténtica besta negra dun Burela que xa quedou fóra da Copa Galiza a mans do Envialia. 

A festa regresa cinco anos despois

A Copa da Raíña de fútbol sala  é unha vella coñecida da afección galega. En 2019 a competición tivo lugar en Burela, subindo ao chanzo máis alto do podio o Pescados Rubén. Dous anos antes, en 2017, Poio foi sede dun torneo no que se impuxo outro equipo do país, neste caso Ourense Envialia.

Máis atrás no tempo, Burela en 2014 e 2011, e Ourense en 2010 e 2001, organizaron unha fase final do torneo do KO que desde o seu comezo, en 1995, levantaron xa en 1996 o Sal Lence Coruña e en 1998 o Club Deportivo Ourense, último título galego até que, xa na década dourada do fútbol sala feminino na que estamos inmersas, o Burela conquistou o ouro en 2013.

Para continuar esta xeira triunfal, polo menos un equipo galego -Ourense ou Burela- ten garantido, tras o derbi dos cuartos, a súa presenza nunhas semifinais, programadas ambas para o día de mañá; a primeira, ás 13.30 horas, e a segunda, ás 16.30. Os gañadores terán que verse as caras nunha finalísima matinal, pois a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) determinou que sexa ás 12 horas do domingo.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios