O Celta aspira a conseguir perto de 10 millóns por Tadeo Allende
O Celta converteuse nos últimos anos nun equipo vendedor. Brais Méndez, Gabri Veiga, Strand Larsen, Tasos Douvikas e Fer López foron as vendas máis importantes desde 2022. Por elas, os vigueses ingresaron máis de 100 millóns de euros, o que lles permitiu aumentar o seu límite salarial na Liga e afinar varios exercicios económicos nos que o club deu perdas. Para esta tempada, na Sede previron vendas de futbolistas por un valor de 34 millóns de euros, aínda que esa cantidade pode variar en función de diferentes obxectivos. Con todo, a primeira grande operación do presente curso podería chegar nas próximas semanas, e ten como protagonista Tadeo Allende.
O arxentino chegou a Vigo hai dous anos por uns 4,5 millóns de euros. Era unha fichaxe avalada por Marco Garcés e que contaba co visto bo de Rafa Benítez, daquela adestrador dos celestes. Dous meses despois, o madrileño foi despedido e chegou ao banco Claudio Giráldez, que apenas contou con Allende nos últimos partidos daquela tempada e nos primeiros meses da seguinte. E foi onde apareceu o Inter Miami.
O equipo estadounidense contactou co Celta en xaneiro deste ano para coñecer a posibilidade de fichar o atacante suramericano. Naquel momento non ofrecían moito diñeiro polo seu traspaso, polo que o equipo vigués elixiu a opción da cesión por un ano. E fíxoo plenamente consciente e baixo un plan. Dirixentes do club insinuaron hai un ano que agardaban que, cos espazos que deixan as defensas na MLS e coa presenza de Messi, Allende puidese marcar moitos goles. Dito e feito. E agora queren recoller os froitos daquela decisión.
En Vigo consideran que o futbolista arxentino ten agora moito máis valor que cando saíu cara a Estados Unidos. Nun primeiro momento e mesmo hai tres meses, tras o Mundial de Clubs, o obxectivo era recibir algunha oferta que igualase a cantidade que no seu día pagaron polo dianteiro. Con todo, os seus play-off na MLS dispararon a súa cotización, e desde A Sede aspiran a conseguir 10 millóns de euros ou unha cantidade que se aproxime moito a esa cifra.
O Celta non ten excesiva présa en negociar a súa venda, pero sabe que debe acelerar as conversas este mes, xa que a súa cesión ao Inter Miami remata o próximo 31 de decembro. A partir de aí, se os vigueses non aceptaron ningunha oferta, Allende deberá volver a Vigo nalgún momento do mes de xaneiro. Con todo, actualmente o equipo ten completas as súas 25 fichas profesionais e a prioridade non é reforzarse co regreso do arxentino, senón, en caso de ter un oco libre, ir a por Fer López.
A primeira opción do Celta é negociar co Inter Miami. Son varios os factores que achegan o regreso de Allende ao equipo estadounidense. O primeiro é que foi unha peza fundamental no título da MLS, marcando nove goles nos play-off, o que xa é un novo récord na competición. Os seus números nos últimos dez meses son de 24 tantos e tres asistencias en 54 partidos, é dicir, unha participación directa en gol cada dous encontros. Ademais, o equipo de Leo Messi precisa reforzarse. Esta pasada fin de semana Sergio Busquets e Jordi Alba, dous dos pesos pesados da entidade, colgaron as botas, mentres que aínda se descoñece o futuro de Luis Suárez. David Beckham, un dos propietarios, xa dixo que van investir en fichaxes para gañar máis títulos en 2026, e Allende será o primeiro xogador polo que negociarán.
Máis candidatos
Con todo, Miami non é o único equipo que mostrou interese en Allende nas últimas semanas. River Plate (Arxentina) e clubs dos Estados Unidos, México e Brasil tamén puxeron os ollos no atacante arxentino, o que permite ao Celta ter poder de decisión mentres ve como sobe a poxa. De momento, non chegou ningunha oferta formal ás oficinas do equipo vigués, aínda que se espera que as primeiras negociacións oficiais co seu aínda equipo comecen estes días. No pasado, varios conxuntos italianos tamén mostraron interese por Allende, e mesmo o Palermo estivo moi perto de conseguir a súa cesión no verán de 2024, aínda que finalmente a operación non se puido fechar. No Celta non descartan que desde o fútbol europeo tamén cheguen propostas.
Outras vendas
A venda de Allende é a máis probábel do Celta no mes de xaneiro, e de feito no club dana por case segura, aínda que para iso ten que chegar a oferta adecuada. En Vigo teñen claro que será un mercado de fichaxes tranquilo, sen moitos movementos de entrada e saída, pero non descartan que haxa outros xogadores que fagan as maletas se chega unha boa proposta que guste a todas as partes. Neste sentido, hai varios nomes que poderían achegar ingresos á economía do club.
Aquí aparecen dous nomes que case seguro rematarán a tempada no Celta, pero cos que os dirixentes teñen medo a que sexan tentados no estranxeiro. Son os casos de Óscar Mingueza e Williot Swedberg, dous dos futbolistas máis cotizados da plantilla. O sueco, de feito, destacou no último partido de Liga ante o Real Madrid marcando dous goles no Bernabéu. En todo caso, con eses dous xogadores, o Celta manterá unha posición de forza, xa que non quere perdelos a metade de curso ao entender que sería case imposíbel atopar recambios do seu mesmo nivel.


