Máis de 200 deportistas correrán o sábado a Copa Galiza de Ciclocrós
A Copa Galiza de Ciclocrós prepárase para un novo encontro deportivo coa XXVI edición do Trofeo Montes de Eiras, que decorrerá o 9 de novembro a partir das 11 horas e a última serie comezará ás 15.30 horas. O evento é xa todo un referente deste deporte a nivel galego e repite, como nos dous anos anteriores, un circuíto singular que transcorre entre viñedos das adegas Terras Gauda.
Coa inscrición fechada, confirmaron a súa participación 242 deportistas. Ademais das categorías habituais, este ano estréase a infantil (de 13 e 14 anos). O presidente do club ciclista O Rosal, Alberto Sobrino, lembra a Nós Diario o atractivo dun circuíto de ciclocrós "que entra nas instalacións dunha adega, toda unha experiencia".
Ademais, nesta nova edición aproveitarán a cesión dunha parcela de monte na zona "para variar e gañarlle 400 metros máis de percorrido".
Participación de escolas
"Somos unha escola de ciclismo, un club pequeno, e o que máis nos gusta é a prticipación de entidades de base", asegura Sobrino, "e temos a sorte que veñen de toda Galiza", agrega.
Para o responsábel desta entidade ciclista do Baixo Miño, esa etapa "é importante. Neste sentido, Sobrino explica que no ciclocross teñen a sorte de que "hai unhas bases moi amplas, mais logo, cando medran, deixan este deporte por outros compromisos".
Ese é o motivo, para o presidente, que haxa máis participación en infantil e cadete que en júnior e elite Sub-23. "É curioso que despois, cando xa teñen a súa vida encamiñada, volven competir como máster", indica. Por este motivo, a transmisión xeracional deste deporte segue a ser un dos elementos principais para este club que desde os anos 80 difunde a práctica das dúas rodas polo Baixo Miño.

