O ciclocross europeo citarase en Pontevedra no ano 2024

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, xunto ao tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, asinaron o convenio que permitirá que a cidade do Lérez acolla o Campionato de Europa de Ciclocross no ano 2024.
Miguel Anxo Fernández Lores e Tino Fernández (Foto: Nós Diario)
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores e Tino Fernández (Foto: Nós Diario)

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto co tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, acudiron esta terza feira até Madrid para asinar o convenio que lle permitirá a Pontevedra acoller o Campionato de Europa de Ciclocross no ano 2024.

"Haberá tamén dúas probas de C1 internacional nestes anos 2022 e 2023 e é unha sorte poder estar nesta situación" explicou o rexedor na presentación do convenio ao tempo que aseguraba que "está todo o mundo encantando de poder ter este campionato de Europa".

Fernández Lores incidiu en que "logo que as probas do campionato de España do ano pasado e o anterior foran un éxito de participación e de público, cun circuíto que prestou a todo o mundo, quedou demostrado que Pontevedra vive o deporte".

O alcalde de Pontevedra fixo fincapé na idea de ver Pontevedra como "a cidade do deporte", mais cun xesto especial cara ao ciclismo, coa presenza de clubs relevantes como o GD Supermercados Froiz ou o Farto Feminino.

"A proba que agora temos asinada contará cun circuíto espectacular, que prestará, nun espazo natural inmellorábel", sinalou. Durante a súa comparecencia no Consello Superior de Deportes, o alcalde foi preguntado se a cidade aspira acoller eventos mesmo superiores, como o campionato do mundo, ao que o rexedor comentou que "primeiro faremos o campionato de Europa, mais sempre estaremos abertos a calquera proposta, máis aínda de alto nivel, pois son activos moi importantes para a cidade".

Representación deportiva e institucional na sinatura

A sinatura contou coa presenza, ademais da representación do Concello, do presidente do Consello Superior de Deportes, José Manuel Franco, do deputado provincial da área de deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez Díaz; do presidente da Unión Europea de Ciclismo, Enrico Della Casa; do presidente da Real Federación Galega de Ciclismo, José Luis López Cerrón; do seleccionador nacional, Pascual Momparler; do presidente da Federación Galega de ciclismo; Juan Carlos Muñiz Nieto; do secretario xeral da Federación Galega de Ciclismo, David Carrillo Guerra; do seleccionador autonómico, Alberto del Río; e dos deportistas Felipe Orts, María Filgueiras e Miguel Gómez Rodríguez.

Comentarios