O Lugo perde Xavi Torres, condenado por "corrupción deportiva", para o que resta de tempada

O capitán albivermello terá que pagar, ademais, 400.000 euros de multa.
O capitán albivermello foi inhabilitado para a práctica do fútbol durante un ano e dez meses. (Foto: LFP).
photo_camera O capitán albivermello foi inhabilitado para a práctica do fútbol durante un ano e dez meses. (Foto: LFP).

Un terremoto de enorme magnitude sacudiu un Club Deportivo Lugo xa moi tocado polos problemas económicos e a mala situación deportiva.

O Tribunal Supremo ditou unha sentenza na que deixa moi claro que ofrecer cartos a un equipo para deixarse perder é un delito, como conclúe que sucedeu no Osasuna-Betis da última xornada de Primeira División da tempada 2013/14.

O crime data da última xornada da tempada 2013/14

No conxunto verdibranco militaba por aquel entón o hoxe capitán do Club Deportivo Lugo, Xavi Torres, quen se converteu no primeiro futbolista en ser condenado por "corrupción deportiva" no Estado español, unha dubidosa honra que comparte co xa retirado Antonio Amaya, que non se verá afectado pola inhabilitación dun ano e dez meses para a práctica do fútbol que si afectará o centrocampista de Xàbia.

Ademais, ambos terán que pagar 400.000 euros de multa "debido á gravidade intrínseca dos feitos e á súa transcendencia social, que afectou á regularidade da competición deportiva no fútbol profesional".

Isto significa que Torres -que xa fora absolto nun xuízo similar polo presunto amaño do Levante-Zaragoza en 2011, partido indirectamente responsábel do descenso do Deportivo da Coruña ese ano- non poderá saltar ao terreo de xogo no partido que enfronta mañá ás 21 horas no Ángel Carro o Lugo co Vilarreal B, pois correría o risco de incorrer en aliñación indebida e, polo tanto, de que aínda obtendo a vitoria sobre o céspede perdera os puntos nos despachos.

O club destacou a "excelsa calidade humana e profesional" do seu futbolista

A pesar da rotundidade coa que se expresou o Tribunal Supremo, a entidade presidida por Tino Saqués fechou filas arredor do seu inhabilitado capitán, sinalando nun comunicado que no seo albivermello o alacantino sempre fixo alarde "dunha excelsa calidade humana e profesional", mesma liña na que se manifestou o seu adestrador, Fran Justo, que chegou a definir Torres como "un exemplo en todos os sentidos".

Comentarios