O líder pon a proba a resurrección celeste

Tras superar o fechacancelas, o Celta afronta o reto da Real Sociedade
Fran Beltrán xogou en Xetafe o seu partido 100 como celtista. (Foto: Europa Press).
photo_camera Fran Beltrán xogou en Xetafe o seu partido 100 como celtista. (Foto: Europa Press).

En Xetafe as previsións non erraron e o Celta foi quen de sumar tres cómodos puntos, pero o conto será ben diferente esta cuarta feira en Balaídos (19 horas) cando o conxunto celeste reciba o sorprendente líder da Primeira División, unha Real Sociedade constituída por méritos propios en gran revelación da categoría.

Quizais os Remiro, Gorosabel, Elustondo, Oyarzabal ou Portu non intimiden sobre o papel tanto como as grandes estrelas do Real Madrid, o Atlético ou o Barcelona, mais, como sempre adoitaba dicir Javier Irureta cando era técnico do Deportivo, "os partidos no fútbol gáñanos os homes, non os nomes". 

Así o acreditan os números da Real Sociedade, porque, estatisticamente, os donostiarras non teñen rival na Liga. 21 puntos en dez encontros, con seis gañados, tres empatados e unha única derrota -ante o Barcelona na primeira xornada- acreditan a traxectoria dun conxunto que  leva desde o 15 de agosto sen coñecer a derrota non só na competición española, senón tamén na Europa League, na que xa disputou varios compromisos ante rivais do nivel do Mónaco e o PSV Eindhoven neerlandés.

Os beneficios de encontrarse a un mesmo

"A can fraco todo son pulgas" ou "a río revolto, ganancia de pescadores" son exemplos sacados do refraneiro que exemplifican á perfección o acontecido en Xetafe na pasada segunda feira, logo de que o Celta abusase do lamentábel estado da escuadra madrileña para endosarlle un 0-3.

A debilidade do seu rival permitiu aos celestes reencontrarse consigo mesmos, coa esencia do equipo alegre, atrevido e goleador que esixía o preparador olívico, Eduardo Coudet, durante os seus primeiros meses no cargo e que parecía perdida no mal comezo de tempada viñan asinando até o de agora.

Esa boa imaxe ofrecida ante o Xetafe, unida a outros factores como a recuperación do olfacto goleador por parte da indiscutíbel estrela a nivel individual, Iago Aspas -que veu porta por primeira vez en máis dun mes-, abre a porta da esperanza para soñar con dar a sorpresa ante a Real Sociedade.

Nolito: "Temos que ser efectivos"

Futbolistas e técnicos celtistas expresaron a súa confianza non só nun cambio de rumbo de agora en diante, senón en que o equipo sexa capaz de superar hoxe á Real Sociedade.

Manuel Agudo Durán, máis coñecido como 'Nolito', deixou claro o respecto que sinte por un conxunto vasco "que non é líder por casualidade". Porén, e recoñecendo que contan "cun gran cadro de xogadores", o dianteiro gaditano manifestou a firme intención de lograr que "os tres puntos se queden en Balaídos". Para conseguilo pensa que terán que ser "máis efectivos, aproveitando as nosas armas e xogando como o vimos facendo".

Na mesma liña se expresou o Chacho Coudet, consciente de que "vai sendo hora de que o fútbol chegue a ese momento no que te recompensa".

Pola súa banda, o centrocampista Fran Beltrán, quen alcanzou en Xetafe a barreira dos 100 partidos defendendo as cores do Real Club Celta de Vigo, confirmou que sairán "a polos tres puntos", misión para a que demandou o apoio dos seareiros e seareiras coa mensaxe "vémonos en Balaídos, celtistas!". 

Comentarios