O Leite Río Breogán visita Murcia cos ollos postos no 'play-off'

A escuadra galega quere olvidar a derrota co Bitci Baskonia.
O Breo precisa da vitoria se non quere perder o tren da Copa. (Foto: Leite Río Breogán).
photo_camera O Breo precisa da vitoria se non quere perder o tren da Copa. (Foto: Leite Río Breogán).

O baloncesto non ten parada, e logo de caer derrotado a pasada fin de semana por tan só cinco puntos ante Bitci Baskonia o Leite Río Breogán ten xa esta cuarta feira (20.30 horas) a oportunidade de resarcirse a costa dun rival directo na loita por conseguir entrar no play-off polo título, UCAM Murcia.

A escuadra mediterránea ocupa o oitavo e último posto que concede ese privilexio con 12 vitorias, tan só unha máis que a lucense, polo que o seu resultado semella moito máis que transcendente para os intereses do Breo.

Para iso será fundamental que o técnico celeste, o croata Veljko Mršić, sexa quen de solucionar un grave problema que evidenciou na rolda de prensa posterior ao encontro co Baskonia como é a "falta de solidez en momentos importantes".  

Cambio de rumbo á fronte do COB Ourense

Peor están as cousas na cidade das burgas, o COB Ourense vén de anunciar o despedimento do seu -até o de agora- máximo responsábel na parcela técnica, o madrileño Armando Gómez.

A través dun comunicado, a entidade agradeceulle o seu "traballo, esforzo e implicación nestes meses" e desexoulle "a mellor das sortes de cara ao seu futuro profesional", e aínda que non apuntou nomes recoñeceu que "xa traballa" na procura dun substituto, e en concreto recoñeceu contactos con "cinco persoas".

A medida chega apenas dous días despois de que a escuadra ourensá cedese o liderado na LEB Prata Oeste logo dun mal partido ante Zornotza, derrota que significa que xa non depende de si mesma para finalizar o campionato nunha primeira posición que agora ocupa Tizona Universidade de Burgos, o que significaría xogar unha rolda en lugar de tres para lograr o anhelado regreso a LEB Ouro.

Comentarios