As 'laranxas' a polo título de liga do Futsal

As xogadoras do Pescados Rubén Burela poderán seguir soñando con continuar sumando títulos ao seu extenso historial deportivo. A vitoria contra o STV Roldán do sábado confirma a presenza das galegas na final contra o Futsi Atlético Navalcarnero mañá en Burela e o domingo no pavillón do equipo madrileño.  
Dany, xogadora do Pescados Rubén Burela, nun momento do partido que disputou o equipo da Mariña contra o STV Roldán de Murcia (Nós Diario)
photo_camera Dany, xogadora do Pescados Rubén Burela, nun momento do partido que disputou o equipo da Mariña contra o STV Roldán de Murcia (Nós Diario)

De novo haberá un clásico polo título ligueiro entre o actual campión, o Pescados Rubén Burela, e o Futsi Atlético Navalcarnero, tras superar as súas respectivas eliminatorias diante STV Roldán e MSC Torreblanca Melilla.

O  equipo galego máis galardoado en todas as disciplinas dos últimos tempos está en condicións de seguir colleitando trofeos se consegue vencer na final da liga de fútbol sala (Futsal) que se realizará a dobre partido, primeiro en Burela esta cuarta feira (Pavillón Vista Alegre, 21 horas) e despois en Navalcarnero, Madrid (Pavillón La Estación, 12 horas)  o domingo 26 de xuño. 

Na primeira eliminatoria, o Pescados Rubén Burela vencía por 3 a 2 a un  STV Roldán que chegou a adiantarse no partido e que na segunda parte, co xogo de cinco estivo perto de forzar a prórroga, despois de que na ida ambas as escuadras empatasen a un.

Na segunda eliminatoria, o Futsi  Atlético Navalcarnero conseguía vencer por 6 a 2 para dobregar o 2 a cero en contra da ida diante un MSC Torreblanca Melilla, que a pesar da saída en tromba do equipo local no primeiro acto, conseguiu agarrarse ao envite na segunda parte. 

Un pase á final disputado

O segundo partido do Playoff que certificou o pase á final das galegas, realizado este sábado, estivo moi disputado. Co pavillón Vista Alegre entregado ás "laranxas", o equipo de Julio Delgado tivo que ver como malia o dominio das súas pupilas e as ocasións de gol que tiveron, eran as xogadoras do STV Roldán as que se adiantaban no marcador cun tanto de Mayte no minuto 7.

A presión pasou a exercela o equipo visitante mais a rápida reacción das galegas fixo que chegara o empate no minuto 12 cun gol de Peque. Os últimos minutos da primeira parte transcorreron cunhas guerreiras que buscaban seguir aumentando a súa renda, con múltiples ocasións claras e movementos excelentes en ataque. Cilene tivo as oportunidades máis evidentes de gol, con dous disparos que non entraron por pouco. Con este empate chegábase ao descanso e mantíñase o suspense. 

A segunda parte, as "laranxas" saíron a por todas e xa aos 20 segundos de comezar Emilly marcaba a diferenza cun gol de vaselina digno de enmarcar en gardar que colocaba por diante ás de Burela. Até o ecuador da segunda metade as galegas foron un vendaval de ocasións con oportunidades de Cilene e varias xogadas de Dany, mais sen conseguir furar a portaría de Cristina, a gardameta andaluza do STV Roldán. A insistencia das "laranxas" deu os seus froitos no minuto 29 cun tanto de Peque. Segundo o Roldán sacou de medio, tiveron un disparo ao pau.

O conxunto de Julio Delgado tentaba controlar o partido, pero as murcianas non se ían render, e a falta de seis minutos sacaron xogo de cinco, co cal Mayte volvía anotar para recortar distancias no marcador 3-2. Os últimos minutos serían de moita tensión, coas visitantes buscando empatar con xogo de cinco. Con todo, o partido ía finalizar co resultado de 3-2.

Agora toca unha final nada doada, co último partido fóra e cun equipo difícil. En caso de empate podería contarse cunha posibilidade de prórroga mais non habería penaltis e resultarían gañadoras as mellor clasificadas na competición.

Comentarios