Jenni Hermoso critica as "filtracións" das declaracións do 'Caso Rubiales'

A futbolista advirte que podería non falar máis.
A futbolista Jenni Hermoso, nun adestramento coa selección española. (Foto: AFP7 / Europa Press)
photo_camera A futbolista Jenni Hermoso, nun adestramento coa selección española. (Foto: AFP7 / Europa Press)

A futbolista Jennifer Hermoso presentou ante o xuíz da Audiencia Nacional Francisco de Jorge un escrito no que advirte de que tras as filtracións aos medios de comunicación de distintas declaracións —incluída a súa— no seo do procedemento aberto polo bico non consentido que lle propinou o ex presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales, cabe a posibilidade de que "non volva declarar" ante el.

Tal e como confirmaron fontes xudiciais, esa advertencia do equipo xurídico da xogadora ao xuíz tivo lugar tanto por escrito como de viva voz tras a última filtración, coñecida a pasada segunda feira, 10 de outubro.

Por outra parte, o equipo legal da xogadora do Pachuca mexicano anunciou esta cuarta feira que emprenderá diferentes accións co obxectivo de "protexer e garantir a intimidade" da súa representada, despois de que transcendese á opinión pública o vídeo da súa declaración ante a Fiscalía do pasado 5 de setembro, cando formalizou a denuncia contra o ex dirixente polo bico que lle propinou na entrega de trofeos do Mundial celebrado en Australia.

Nunha nota de prensa emitida pola súa axencia de representación, explícase que a finalidade destas accións é lembrar "que todo procedemento penal debe desenvolverse con garantías para preservar o dereito á intimidade das vítimas", e que as "continuas filtracións" non ofrecen unha "contorna segura" á súa cliente, poñendo en risco "a súa saúde e a fiabilidade e independencia do proceso".

A maiores, a propia Jennifer manifestou na madrugada desta cuarta feira, antes da gala do Salón da Fama da FIFA que tivo lugar en México, que "sen merecelo", sufriu "máis da conta" nun "momento histórico" tanto para ela como para as súas compañeiras do combinado estatal de fútbol.

Comentarios