A Irmandiña xa prepara a cita do próximo domingo en Baltar ante Suiza

Optimismo na selección galega após a vitoria diante de Ljubljana (Eslovenia). A Irmandiña está concienciada para o seu partido contra Suiza.
Iván Cancela no adestramento de onte en Vilalonga, Sanxenxo (Foto: RFGF)
photo_camera Iván Cancela no adestramento de onte en Vilalonga, Sanxenxo (Foto: RFGF)

A Selección Galega regresou onte pola mañá ao traballo cun sorriso de orella a orella tras a brillante vitoria de desta pasada quinta feira na súa estrea diante de Ljubljana (Eslovenia). Os pupilos de Iván Cancela, tras superar con nota o debut nesta Fase Intermedia da Copa das Rexións UEFA onte na Lomba, xa pensan na cita deste domingo diante Suíza, un partido que se disputará a partir das 12 horas no campo de Baltar en Portonovo (Sanxenxo).

A Irmandiña realizou sesións de recuperación no mesmo municipio, no campo de fútbol do Revel en Vilalonga, co bo ambiente como protagonista e lembrando a xornada anterior. 

Líderes do seu grupo

A Galiza, tras o 3-0 do primeiro encontro ante Eslovenia, lidera o seu grupo. O próximo rival da selección galega, na segunda xornada, será Suíza. O equipo helvético caeu no seu partido diante Hungría (0-1) en Baltar e todas as súas opcións de clasificación para a fase final europea pasan por derrotar aos nosos o vindeiro domingo.

A Selección Galega, pola súa banda, coa vitoria convenceu. Porén, os xogadores xa pasaron páxina e traballan coa mente posta no choque deste domingo. Ao remate do primeiro partido desta Fase clasificatoria un dos membros da selección, Álex Rey, opinaba que o primeiro resultado “é moi positivo” de cara á clasificación polo que tentarán “afrontar o seguinte coa mesma ilusión, esquecéndonos un pouco do resultado” coa idea de que “nos vaia aínda mellor.

Outro dos “irmandiños”, Sergio Cotilla, tamén salientaba o optimismo do equipo mais asegurando que “pensamos no partido do domingo e mesmo o seguinte que será na cuarta feira”. 

Chamamento á afección galega 

Desde a Federación Galega de Fútbol (FGF) animan ás seareiras e aos seareiros para que enchan o campo de Baltar e apoie aos xogadores. A través dun comunicado lembran que a selección galega, vixente campioa de España, xoga por clasificarse para a fase final da Copa das Rexións UEFA Polo que “necesitará do apoio e do alento da afección galega, polo que facemos un chamamento para que os nosos sentan arroupados nos dous encontros que restan ante Suíza e Hungría”.

Un bo resultado este domingo no campo de Baltar diante de Suiza facilitaría á Irmandiña quedar primeira do seu grupo e clasificarse de maneira directa para a Final da Copa das Rexións UEFA que terá lugar entre as oito seleccións que cheguen a esa fase en xuño de 2023.

Comentarios