Fútbol

A Galiza loitará a partir desta quinta feira pola UEFA das Rexións

A Irmandiña comezará xogando contra Ljubijlana (Eslovenia) esta vindeira quinta feira dentro da Fase Intermedia da Copa das Rexións UEFA. No mesmo grupo estarán Xenebra (Suíza) e  Pest (Hungría).
A selección galega quedara campioa estatal en 2020 (Foto: RFGF).
photo_camera A selección galega quedara campioa estatal en 2020 (Foto: RFGF).

Quedan poucas horas para que a selección galega de fútbol UEFA xogue como representante estatal na Fase Intermedia da Copa das Rexións UEFA ao ser a vixente campioa estatal na fase que se realizou antes da pandemia. Daquela, na final que tivo lugar nas Rozas (Madrid) no mes de marzo do ano 2020, e tras eliminar a Balears nas semifinais, o combinado galego dirixido por Iván Cancela derrotaba a Andalucía. Foi o último partido de carácter oficial que se fixo no Estado español antes do decreto do Estado de Alarma coa chegada da Covid-19.

Como gañadora, a Irmandiña participará nesta competición amadora europea que leva máis de 20 anos organizándose. Nela interveñen equipos nacionais con xogadores que nunca participaran en ningunha proba a nivel profesional. Dispútase cos gañadores dos torneos estatais amadores e os países máis pequenos presentan os seus propios equipos oficiais. Ten carácter bianual e a fase final terá lugar en xuño de 2023. 

Unha pasaxe para a final

En total, para esta edición inscribíronse 35 federacións, con Malta e San Marino sendo representados por equipos oficiais non profesionais. Os equipos das 30 federacións con maior coeficiente de competición comezan na rolda intermedia, e a eles uníronse os dous conxuntos que superaron a rolda preliminar de xuño deste ano en Azerbaiyán: o "Kolos" Cherven de Bielorrusia e o Basiani de Xeorxia.

Os equipos compiten en oito minitorneos disputados nunha soa sede. Os gañadores dos grupos clasificaranse para a fase final. O Dolny Śląsk de Polonia, vixente campión, converteuse no primeiro equipo en lograr unha pasaxe por cuarta ocasión e uníuselle o Zenica-Doboj (Bosnia e Herzegovina). 

As seleccións gañadoras até agora foron Véneto (1999), Moravia (2001), Piemonte Valle d'Aosta (2003), Eukal Herria (2005), : Dolny Śląsk de Polonia (2007), Castela e León (2009), Braga, Portugal (2011), Véneto (2013), Eastern Region de Irlanda (2015), Zagreb (2017) e Dolny Śląsk de Polonia (2019).

A Galiza disputará desde esta quinta feira e até o 12 de outubro a Fase Intermedia contra Xenebra (Suíza), Pest (Hungría) e Ljubjlana (Eslovenia). Este último será o primeiro rival dos galegos.

Comentarios