Un informe xurídico ve "inevitábel" que o Mundial 2030 aterre en Balaídos
Un informe xurídico encargado polo Concello de Vigo ao despacho Montero Aramburu & Gómez-Villares Atencia ve "inevitábel" que a cidade pase a considerarse como preseleccionada na listaxe das sedes que acollerán partidos do Mundial 2030 tras a renuncia de Málaga (Andalucía).
"Decaída a candidatura dunha das sedes preseleccionadas pola Real Federación Española de Fútbol (RFEF) como era Málaga, a consecuencia inevitábel debe ser que pase a considerarse como preseleccionada a seguinte candidata da listaxe, é dicir, a sede que obtivo a maior puntuación entre as que non foron preseleccionadas. Na súa virtude, a RFEF debería comunicar á FIFA que, renunciando Málaga á candidatura, o seu lugar na lista de sedes preseleccionadas pasa a ser ocupado por Vigo", reivindica o documento.
O informe recomenda unha serie de medidas a tomar por parte do goberno local para conseguir que isto se materialice, mais "desaconsella" iniciar actuacións no ámbito penal porque "provocaría un atraso nas actuacións que afectaría negativamente a designación da candidatura de Vigo como sede do Mundial 2030, principal interese do Concello de Vigo".
O bufete apunta á "falta de transparencia" do proceso ao non poder ter acceso "íntegro" ás decisións adoptadas polo comité de selección. Así, apunta a posíbeis delitos cometidos pola Federación, como o de falsidade documental, mais non os delitos de prevaricación nin de corrupción nos negocios.
Abel Caballero coincide
Respecto diso falou esta segunda feira o propio alcalde, Abel Caballero. Nun audio enviado aos medios de comunicación, o rexedor reivindicou que este informe non é "de parte", senón que o despacho elaborouno a partir dos criterios dos profesionais xurídicos.
Na súa opinión, deixa claro que a renuncia de Málaga ten que supór a inclusión de Vigo como sede do Mundial, ao ser a primeira na listaxe de suplentes.
Por iso, como recomenda o documento, o Concello optará pola "vía do diálogo" coa Federación e coa FIFA para conseguir este obxectivo, tratando á súa vez de que se amplíe unha praza para incluír tamén a València (País Valencià) como sede.
Con todo, Caballero alertou de que "non se descarta emprender calquera que sexan outras actuacións que o Concello considere oportunas".

