A RFEF deixou Balaídos fóra do Mundial tras cambiar os criterios
As puntuacións que deixaron Balaídos fóra dos estadios elixidos como sede do Mundial 2030 estarían manipuladas. Así o asegura unha información que publica esta segunda feira en exclusiva o diario El Mundo.
Segundo esta información, Balaídos aparecía nunha primeira lista entre os 11 estadios elixidos, con 10,2004 puntos; un posto por baixo situábase Anoeta, fóra do Mundial, con 10,1226.
Porén, 48 horas despois, presentouse outro documento no que o estadio donostiarra aparecía con 10,6026, polo que ficaba dentro das 11 sedes elixidas, mentres que Balaídos descendía ao posto 12.
A información apunta ademais que un correo remitido por María Tato, integrante da Área Internacional da RFEF, ao entón vicepresidente do organismo Rafael Louzán, confirmaba que Vigo entraba no grupo, no posto número 11. Mais noutro correo posterior, o 28 de xuño, remitía a varios dirixentes unha nova claisificación na que Vigo ficaba fóra dese grupo e entraba Anoeta.
A nova coñécese após que hai uns días o presidente do Consello Superior de Deportes (CSD), José Manuel Rodríguez Uribes, reiterase a súa aspiración de que o Estado español tivese trece sedes para a competición deportiva, e recalcou que tanto Vigo como Valencia deben estar presentes na candidatura.
Caballero urxe "explicacións inmediatas"
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, urxe explicacións inmediatas ao presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Rafael Louzán, após se coñecer nas últimas horas que podería haber unha "manipulación" nas puntuacións dos estadios que provocaron un cambio nos postos prexudicando Balaídos e favorecendo Anoeta.
"Reclamo que agora mesmo o presidente da Federación saia e explique que está a suceder", exixiu o alcalde na mañá desta segunda feira nunha entrevista no programa Espejo Público, na cadea Antena 3.
