Fútbol

A reforma de Balaídos, máis perto de completarse con Gol tras unha década de atrasos e sobrecustos

O Concello de Vigo envía finalmente á Deputación o borrador do convenio para a construción da nova bancada de Gol, a única que fica pendente de reformar, e desde o ente provincial agardan "axilizar os tempos" e comezar "cando antes" as obras.
Aspecto que tería a bancada de Gol, en primeiro plano, unha vez concluída a reforma de Balaídos. (Foto: Nortap Ingenieros)
photo_camera Aspecto que tería a bancada de Gol, en primeiro plano, unha vez concluída a reforma de Balaídos. (Foto: Nortap Ingenieros)

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou esta sexta feira de que o Concello xa enviou finalmente á Deputación de Pontevedra o borrador do convenio para a construción da nova bancada de Gol do estadio de Balaídos, orzada nuns 26,6 millóns de euros. Nun audio difundido aos medios de comunicación, o rexedor explicou que este convenio é semellante aos que se asinaran en 2015 e en 2019 para reformar Río e Marcador.

Ademais, Caballero solicitou unha entrevista co presidente provincial, Luís López, para falar das asignacións de recursos para investimentos na cidade, "como se facía coa anterior presidenta, Carmela Silva". Este borrador chega despois de que a Deputación urxise en varias ocasións ao Concello o proxecto da bancada de Gol, dado que o ente provincial cofinanciará o 50% da obra.

As obras comezarán "cando antes"

Ao respecto deste anuncio, nun comunicado de prensa, a vicepresidenta da Deputación, Marta Fernández-Tapias, apuntou a importancia de "compensar estes catro meses perdidos por culpa do Goberno local", insistindo en "axilizar ao máximo os tempos para iniciar a obra cando antes". Tamén lembrou as "incontábeis" veces que se lle reclamou este documento ao Concello, "e o único que se recibiu até o de agora foi un folio co resumo do orzamento da obra".

Tapias sinalou que se analizará "con detalle e en profundidade" a documentación recibida esta sexta feira. O obxectivo, dixo, é "evitar os erros do pasado", en referencia aos sobrecustos e defectos detectados na reforma da bancada de Marcador, entre eles a falta de visibilidade desde algúns dos asentos.

Ao fío disto, volveu chamar a atención sobre os "escasos 300.000 euros" que consigna o orzamento municipal para esta obra en 2024, fronte aos "2,5 millóns de euros" que recollen as contas provinciais. Unha evidencia, en opinión de Tapias, de que mentres a Deputación puxo "todos os recursos ao seu alcance" para axilizar esta obra, "o Concello vigués vai a outra velocidade".

As obras foron anunciadas ao remate da tempada 2013-14, hai xa case unha década, e a previsión inicial apuntaba ao horizonte de "principios de 2017" para vez concluída a reforma integral do estadio. Porén, cumprido ese prazo aínda quedaba máis da metade do traballo por facer... e a un ritmo especialmente lento.

Ademais, o orzamento inicial de 30 millóns de euros quedou manifestamente curto, pois o custo supera xa os 50 millóns á espera de coñecer con exactitude cal será o montante destinado á bancada de Gol, o último vestixio do vello Balaídos.

Comentarios