A FIFA infla a asistencia aos estadios no Mundial qatarí cun cuestionábel 94%

Gales e Inglaterra enfróntanse por unha praza nos oitavos de final.
As imaxes das bancadas contrastan cos datos ofrecidos pola FIFA. (Foto: Europa Press)
photo_camera As imaxes das bancadas contrastan cos datos ofrecidos pola FIFA. (Foto: Europa Press)

A FIFA, organismo reitor do deporte rei a nivel internacional, continúa realizando innumerábeis intentos para lavar a imaxe de Qatar e o Mundial que alí se organiza. O último é a afirmación de que durante a primeira xornada da fase de grupos a asistencia aos campos de xogo foi de 94% da súa capacidade total, unha cifra que contrasta cos numerosos asentos baleiros nas bancadas que se puideron ver na meirande parte dos partidos.

Este dato, ademais, significaría que a de Qatar sería unha das edicións das Copas do Mundo máis seguidas de todos os tempos —só por detrás da de USA '94, Alemaña '06 e Brasil '14—, torneos nos que os boletos se esgotaron con meses de antelación e non se daban como datos de asistencia cantidades por enriba da capacidade oficial dos recintos, como aconteceu en numerosos partidos de Qatar 2022.

Un solitario gol de Casemiro mete o Brasil nos oitavos

O Brasil xa está nos oitavos de final tras sumar un segundo triunfo, esta vez ante Suíza (1-0) grazas a un solitario tanto de Casemiro. Ademais, Camerún e Serbia e Corea do Sur e Ghana protagonizaron dous encontros con moitos goles.

As Estrelas Negras superaron por 2-3 os Guerreros Taeguk por 2-3, quedando os asiáticos practicamente fóra do torneo. Pola súa parte, Camerún e Serbia asinaron un 3-3 que non deixou satisfeito ningún dos contendentes.

Gales intentará clasificarse á custa de Inglaterra

No que ben podería ser o duelo máis importante da súa historia, a selección galesa, a única dunha nación sen Estado presente na Copa do Mundo, afronta o derradeiro partido do Grupo 'B' nun duelo a morte ante Inglaterra (20 horas) coa obriga de gañar se non quere quedar eliminada.

Cun só punto —os pross teñen catro—, no País de Gales tamén estarán atentos ao que aconteza á mesma hora noutro choque con moito morbo entre o Irán —segundo con tres puntos— e os Estados Unidos, terceiros con só dous puntos a pesar de ser unha das seleccións que mellor fútbol desenvolveu.

O outro grupo que resolverá quen supera a rolda inicial é o 'A', no que a practicamente segura vitoria dos Países Baixos sobre Qatar (16 horas) deixará os neerlandeses como primeiros, mentres que o Ecuador e Senegal pugnarán entre eles polo segundo posto tamén ás 16 horas.

Comentarios