Histórica vitoria do Remo Vigo na I Liga estatal de Remo Mar

As augas de Sada acolleron esta fin de semana as últimas probas do remo mar, unha disciplina olímpica no futuro. A vitoría final foi para o club vigués quedando en segunda posición o Real Club Mediterráneo de Málaga.
O Remo Vigo campión da I Liga Estatal de Remo Mar (Foto Moebius).
photo_camera O Remo Vigo campión da I Liga Estatal de Remo Mar (Foto Moebius).

A Semana Abanca acolleu esta fin de semana a final da liga Estatal de Remo Mar 2021, a especialidade de remo olímpico do futuro, na Ría de Betanzos. Baixo a organización do Club Náutico de Sada, do Comité Organizador da Semana e da Federación Galega de Remo, as augas de Sada viviron unha final histórica.

Após varios meses de competición por augas catalás, valencianas, andaluzas, galegas (na zona sur), biscaíñas e guipuscoanas, esta primeira edición dentro da liga non defraudou.

Xornada do sábado

O sábado viviuse a vitoria de Lucía Carballido, do Club de Regatas Perillo, na modalidade dun tripulante feminino, por diante das pontevedresas Marta González, Laura Monterroso e María Gonzalez do Club de Remo Tui. O triunfo da remeira coruñesa valíalle ao seu club lograr a medalla de bronce desta categoría dentro da liga; na que Málaga e O Campello copaban o ouro e a prata.

Tras esta proba, o Marítimo Linense situaba a dúas das súas tripulacións nos dous primeiros lugares de cadete feminino (dúas tripulantes), o bronce era para o ferrolán San Felipe e a cuarta praza para Mar de Noia.

Despois tivo lugar a manga final de un tripulante feminino, que concluía con esta orde: Mariñeiro de Mera, Cabo de Cruz, Olímpico de Mandeo de Bergondo, Tui,  Torrevella, Ir Kirolak de Donosti e San Felipe de Ferrol.

As seguintes eran os botes de dous tripulantes feminino absoluta, vencendo as donostiarras de Ur Kirolak por diante de Ares, que se facía coa prata. Completaban a serie de competicións os veteranos masculinos de un tripulante, con dominio dos atletas de Cabo de Cruz: José Manuel Vidal era primeiro e Marcos García segundo. Tras eles Benito Horta, de Noia, e José Antonio Hermo, de Esteirana de Muros.

Tras a xornada  sabatina, restaban os pratos fortes deste Gran Premio Deputación dá Coruña... sobre todo as mangas cos catro máis temoneiro, tanto en categoría masculina como feminina.

Xornada do domingo

Ás once da mañá o Marítimo Linense xogábase a medalla de bronce por clubs da liga coa competición do 4x+ feminino, onde se medía á fortísima tripulación do Club Remo Vigo.

Polas andaluzas formaban Violeta Anastasio, Alejandra Caro, Paula Pecino, Nayara  Viagas, e como temoneiro Antonio Salgas. Polas galegas, Noelia Rodríguez, Laura Méndez, Andre Montes, Ana Pérez e Xiam Cabrera de temoneiro. A vitoria era para as andaluzas, co cal o bronce marchaba cara A Liña da Concepción, deixando o podio final formado por Vigo, Málaga e A Liña.

Xa sen nada en xogo, máis que a honra de gañar o Gran Premio da  Deputación herculina, celebrouse a regata dos catro masculinos, partindo como favorito o Club Mar de Noia coa súa estrela a bordo: o diploma olímpico Caetano Horta. En competición Noia, Ur  Kirolak, Vigo e A Liña.

Os de Noia levaban a vitoria con Gabriel Blanco, Caetano  Horta, Aleix Romero, Brais Vázquez e como temoneiro Millán Horta.

Comentarios