O remo galego voga pola igualdade

Logo de que a pasada tempada a Liga Galega de Traiñeiras (LGT) estrease unha normativa na que se estabelecen idénticas regras e premios para mulleres e homes –coincidindo co quinto aniversario da liga feminina- o número de traiñeiras participantes no torneo pasou de seis a dez, récord absoluto do campionato.

CR CABO DE CRUZ FEMININO
photo_camera O Clube de Remo Cabo da Cruz de Boiro, retratado durante unha competición. (Foto: LGN).

Cobrar idéntica cantidade de diñeiro polo desempeño dun mesmo traballo, con independencia do xénero da persoa que o leve a cabo, é algo que debería ser considerado un axioma, mais os feitos, teimudos -como aseveraba Lenin-, encárganse reiteradamente de desmentilo.

Un dos eidos onde a situación de desigualdade forma parte da realidade cotiá das mulleres e o do deporte, onde a día de hoxe son maioría as disciplinas nas que reciben menos recompensa por idéntico logro.    

O mundo do remo non escapa desta situación, mais desde hai varios anos veñen dando pasos en favor da equiparación real mediante unha serie de medidas que se traduciron nun récord de participación feminina na Liga Galega de Traiñeiras (LGT), a competición por excelencia do remo de banco fixo na Galiza.

Así, logo de que a pasada tempada a LGT estrease unha normativa na que se estabelecen idénticas regras e premios para mulleres e homes –coincidindo co quinto aniversario da liga feminina- o número de traiñeiras participantes no torneo pasou de seis a dez, récord absoluto do campionato.

Desde a Asociación Liga Noroeste, entidade organizadora da Liga Galega de Traiñeiras, comparten con Nós Diario a súa "satisfacción" ao coñecer este dato, e considérano un "recoñecemento" á súa aposta pola "igualdade total". 

"Antes os homes facían tres millas marítimas -exactamente 5.556 metros- distribuídos en catro longos e tres ceavogas, e as mulleres xusto a metade, mais agora todos os equipos percorren a mesma distancia, independentemente do xénero dos seus integrantes. Había xente que pensaba que a aplicación deste e outros requisitos máis duros que xa existían na categoría masculina, como a cota de remeiras canteirás e propias, podía facer que baixase o número de traiñeiras inscritas, pero produciuse o efecto contrario", sinalan.

O CR Rianxo, a SD Samertolameu-Oversea, CR A Cabana-Ferrol e AD Esteirana únense así a Cabo de Cruz, Salgado-Perillo, Tirán-Pereira, CM Mugardos, CR Chapela e CRN Ribeira para conformar unha liga de récord na que as dez embarcacións de mulleres que conforman a división supoñen case 33% do total.

A competición integrarana en 2020 un total de 31 traiñeiras, que sucarán as rías galegas durante os meses de verán, aínda que o calendario oficial non será público até o mes de marzo.

A outra gran novidade da Liga Galega de Traiñeiras en 2020 será o nacemento dunha competición de remoergómetro, configurada como actividade paralela ás regatas e que busca fomentar o deporte entre os máis pequenos.

Avances desde Euskal Herria e a FISA

Dous anos antes de que se levase a cabo a equiparación total na Liga Galega de Traiñeiras, en 2017, a Federación Internacional de Remo (FISA) decretaba que os homes e as mulleres disputasen as mesmas probas en todos os seus campionatos, pois até ese momento contaban con diferentes regras e normas.

Seguindo este modelo, en Euskal Herria tomaron exemplo e en 2018 estabelecían a mesma recompensa para as traiñeiras gañadoras nas categorías masculina e feminina da lendaria Bandeira da Concha, con 24.000 euros para cada unha. Ese ano repartíronse, por vez primeira, 83.000 euros en premios tanto para homes como para mulleres, cando doce meses antes o percibido polas remeiras femininas era inferior en máis de 15%. 

Comentarios