O Guardés xoga a ida da final da Copa Europea co Antalya

É a primeira vez que opta a un título continental
Lima, Gómez e Carratú, na rolda de prensa previa ao partido. (Foto: Atlético Guardés).
photo_camera Lima, Gómez e Carratú, na rolda de prensa previa ao partido. (Foto: Atlético Guardés).

O soño europeo continúa para o Mecalia Atlético Guardés. Tras fechar o capítulo da Copa da Raíña logo de alcanzar as semifinais, abre o da apaixonante final da EHF European Cup, onde está a só dous partidos de facer historia.

Para exhibir nas vitrinas do club o seu primeiro título continental, a escuadra do sur da Galiza debe pasar por enriba do Antalya Konyaalti BSK turco, comezando por un partido de ida que se disputará no Pavillón da Sangriña ás 20.30 horas de mañá. 

O apoio da afección da Guarda podería ser fundamental para -está permitido soñar- deixar  encarrilada a eliminatoria e así viaxar ao máis que previsíbel inferno turco do partido de volta (7 de maio, 19 horas) cun colchón  que aumente a tranquilidade coa que afronten o vital compromiso as xogadoras miñotas.

Porque, sinala como Patricia Lima, unha das estrelas do Atlético Guardés, "en Turquía viven moitísimo o balonmán, e en concreto este equipo, o Antalya Konyaalti, conta sempre co apoio nas bancadas de seareiros do equipo de fútbol local [o Antalyaspor, máis coñecido por estas latitudes por ser o ex equipo do camerunés Samuel Eto'o], polo que xa nos podemos facer unha idea de como será o ambiente".

Un ambiente, ademais, que están tensando desde Turquía, onde, engadiu Lima, "están dicindo que son favoritas, e incluso que gañarán fácil, pero non nos temos que deixar levar por iso, xa se verá que pasa o domingo".

A maiores, e como destacou Carla Gómez, chegan "no mellor momento da tempada". "Como equipo traballamos moi ben, e temos moi claro o que temos que facer", concluíu.

Primeiro paso do Porriño no 'play-off' ligueiro

O pasado 15 de abril concluíu a fase regular da Liga Guerreiras, na que o outro representante do país na elite, Balonmán O Porriño, realizou un gran papel, rematando en quinto lugar con 12 vitorias, dous empates e oito derrotas.

Agora é a quenda do play-off polo título, comezando cuns cuartos de final divididos en dous partidos (ida e volta). Desta forma, desde as 20 horas de hoxe  o Pavillón Municipal do Porriño aspira a converterse nunha caldeira para o primeiro encontro dunha rolda inicial que os enfrontará cun Elxe a quen pasou por enriba nos seus dous choques ligueiros. 

Comentarios