Atlético Guardés e O Porriño pelexarán polo título na Liga de balonmán

Ambas as formacións galegas conseguiron un posto nos 'play-off'.
A festa é total no balonmán galego (Foto: Sportcoeco).
photo_camera A festa é total no balonmán galego (Foto: Sportcoeco).

O balonmán galego está de doce, como demostra a histórica presenza de dous conxuntos femininos no play-off polo título da Liga Guerreiras, xa que O Porriño concluíu a fase regular no quinto posto e o Atlético Guardés, no sexto.

Quen menos presión tiña no seu derradeiro compromiso ligueiro foi a escuadra porriñesa, pois chegaba matematicamente clasificada, pero un triunfo ante Rocasa Gran Canaria -terceira clasificada- outorgaríalle o factor campo no torneo do KO.

Lamentabelmente non houbo sorte, e a pesar de ir por diante no marcador durante boa parte  do duelo galego-canario, o tempo esgotouse cun resultado de empate a 24 tantos e, polo tanto, insatisfactoria repartición de puntos.

Isto significou que o Elxe dera o sorpasso, alcanzando un cuarto posto do que o Balonmán O Porriño non baixaba desde a quinta xornada, disputada o 8 de outubro do pasado ano 2022.

Máis sorte tivo o Atlético Guardés, que necesitaba si ou si o triunfo para certificar a súa presenza nun play-off ao que tamén aspiraba un Valladolid con quen chegou á conclusión da fase regular empatado a 21 puntos. 

A súa vítima foi un Málaga que vendeu moi cara a súa derrota, pois obrigou ás xogadoras do sur da Galiza a protagonizar unha extraordinaria remontada, xa que chegou ao tempo de descanso perdendo por sete goles. 

Moi condicionado polas numerosas lesións -unha ampla listaxe á que se uniron a última hora os nomes de Daniela Moreno e Elena Amores por senllos golpes, o que deixou a preparadora Ana Seabra sen extremos esquerdas natas-, o Atlético Guardés apertou os dentes na segunda metade e mostrando unha cara moito máis agresiva do habitual conseguiu, mediante un parcial de 20-9, estabelecer o 27-24 final e fechar así o seu pase a un play-off onde colisionará co Gran Canaria. 

Comentarios