Balonmán

O Guardés anuncia a renovación de Sempere, Cifuentes e Sancha

A entidade miñota continúa a súa reestruturación.
Sempere xa é historia do club. (Foto: Atlético Guardés)
photo_camera Sempere xa é historia do club. (Foto: Atlético Guardés)

O Atlético Guardés continúa inmerso no seu acelerado proceso de reestruturación logo do seu precipitado adeus á loita polo título da Liga Guerreiras. Así, tras comunicar as fichaxes de Estela Carrera, María Palomo e Cecilia Cacheda e as baixas de Santiago, Nieto, Calzado e Menéndez, así como a renovación de Júlia Nuez, o conxunto miñoto anunciou tres novidades de gran relevancia neste último apartado, pois África Sempere, Cristina Cifuentes e María Sancha continuarán no Guardés na tempada 2023/24.

A primeira é toda unha institución, pois un título de Liga e incontábeis actuacións memorábeis avalan o peso da pivote ilicitana na historia do club. Logo deste acordo, Afri, como é coñecida no vestiario, tornará na xogadora con máis tempadas -sete- no Atlético Guardés.

"Estou moi feliz e con ilusión por continuar aquí, e estou segura de que conformaremos un grande equipo que, como sempre, será moi competitivo. Oxalá poidamos loitar por estar arriba e conseguir éxitos", explicou. Pola súa parte, outra pivote, neste caso a pucelana Cristina Cifuentes, tamén seguirá na Guarda. Tras 17 anos en Aula Valladolid vivirá a súa segunda tempada na entidade galega, onde no seu primeiro exercicio emerxeu como un importante activo a nivel defensivo.

Cuestionada pola súa motivación para seguir no Guardés, puxo en valor o positivo da súa "adaptación á vila", así como a esperanza de que en 2024 conten "cun equipo competitivo que poida pelexar por todos os títulos".

E por último, pero non por iso menos importante, como se adoita dicir, o club tamén confirmou que a prometedora María Sancha seguirá coa súa progresión na Sangriña. "Teño moitas gañas de darlle á afección un título", manifestou esperanzada a primeira liña.

Comentarios