A gran festa do ciclismo galego será en Ribadumia o 24 de febreiro

O palmarés de 2024 inclúe 79 premios distintos.
Laura Mira repetirá galardón en 2024. (Foto: FCG).
photo_camera Laura Mira repetirá galardón en 2024. (Foto: FCG).

A Gala do Ciclismo Galego será en Ribadumia no 2024. A data e o recinto escollidos pola Federación foron o 24 de febreiro e o Auditorio Municipal, onde ás 20 horas  arrancará un certame "no que as entregas de premios combinaranse coas lembranzas e o entretemento", segundo explican desde a Federación Ciclismo Galego (FCG).

O capítulo de galardóns, que recoñecerá os resultados obtidos nos últimos 12 meses, abrangue os podios asinados polas corredoras e corredores da Galiza a nivel internacional, nos Campionatos de España e nas clasificacións xerais das distintas Copas estatais, así como a coroación das gañadoras e gañadores dos Rankings da FCG.

A cifra total será de 79 premios, que se distribuirán en 14 na modalidade de BTT Cross Country Olímpico (XCO), 13 de estrada, outros tantos de ciclocrós, 11 de BTT Resistencia, 10 de BTT Descenso (DHI) e nove de BTT Enduro, repetindo presenza no palmarés con respecto ao 2023 tan só Laura Mira (líder Sub-23 en estrada e ciclocrós), Arantxa Gómez (primeira cadete na táboa de enduro e na de DHI) e Manuel Ángel Parada (gañador da clasificación elite de XCO e da Máster-30 de Resistencia).

As outras persoas premiadas recibirán o que se denomina como "Mencións Especiais", unhas "distincións  polas súas traxectorias excepcionais", aínda que desde a Federación Galega aínda non queren revelar os nomes das gañadoras e gañadores.

'BTTeando por Guitiriz'

Sen deixar o mundo do ciclismo, este domingo, 18 de febreiro, terá lugar a segunda saída da sexta edición do programa BTTeando por Guitiriz, organizado polo Concello en colaboración co Club Btteiros Cova da Serpe, neste caso coa Ruta das canteiras de Miraz. O prazo para inscribirse, lembran desde o Concello, remata hoxe.

Comentarios