A Galiza perde o seu único equipo ciclista UCI

O Team Farto-BTC correrá a próxima tempada en categoría estatal 
A pesar do cambio, varias das corredoras do vello bloque UCI continuarán militando na formación pontevedresa en 2024. (Foto: Nicolas Mabyle/Team Farto).
photo_camera A pesar do cambio, varias das corredoras do vello bloque UCI continuarán militando na formación pontevedresa en 2024. (Foto: Nicolas Mabyle/Team Farto).

O ciclismo en estrada galego dá un paso atrás co abandono do Team Farto-BTC da categoría UCI, a máis alta que existe a nivel internacional.

Case tres anos despois de que en 2021 tornase na primeira formación na historia do país en alcanzar a elite do seu deporte -na modalidade feminina, pois na masculina aínda perdura na memoria o recordo do extinto Xacobeo Galicia, que desapareceu a finais de 2010 ante a falta de apoio da Xunta da Galiza dun Feixoo que accedera ao poder un ano antes-, a formación pontevedresa continuará co traballo desenvolvido desde entón... no circuíto estatal.

A razón principal detrás deste adeus ao calendario World Tour é o continuado endurecemento dos requisitos económicos esixidos aos equipos por parte da Unión Ciclista Internacional.

Por sorte, isto non significa a desaparición definitiva da entidade, senón a súa reconfiguración nun conxunto elite/Sub-23 menos ambicioso que afrontará a tempada 2024 coa intención de "cubrir entre 30 e 40 días do calendario de competición a nivel estatal", o que tratará de combinar con "saídas puntuais a Portugal e Francia". "Comezaremos en xaneiro con algunhas das probas UCI en España, a falta de confirmar certas invitacións", engaden desde o Farto.

Renovacións e fichaxes para esta nova etapa  

De cara a esta andaina na categoría estatal, o Farto-BTC anunciou onte a renovación de nove corredoras tanto do vello bloque UCI da pasada campaña (Ariadna Gutiérrez, Martina Moreno, Pilar Jiménez e Laura Mira) como do seu filial (Elena Cuenca, Sonia Domínguez, Carmen Mallo, Sabela Rey e Mirian Trigo).

Ademais, tamén oficializou a súa primeira incorporación. Trátase da galega Andrea Prado, a até o de agora ciclista do Club Ciclista Betanzos-Becani, considerada como unha das promesas con máis potencial da súa xeración, debutará como elite/Sub-23 da man da escuadra do sur do país.

Non obstante, e a pesar de contar xa nas súas filas con 10 corredoras, a dirección deportiva do Team Farto-BTC non está "fechada" a realizar máis fichaxes sempre e cando se atopen "sen equipo a día de hoxe". 

Comentarios