O Celta empata (1-1) e dá un pequeno pero insuficiente paso cara a permanencia

Parte da afección, moi molesta, pediu a dimisión do presidente celeste.
Os erros nos cambios de Carvalhal, que apostou por uns horríbeis Seferovic e Cervi, non maquilla o desastroso papel de Mateu Lahoz.  (Foto: LFP).
photo_camera Os erros nos cambios de Carvalhal, que apostou por uns horríbeis Seferovic e Cervi, non maquilla o desastroso papel de Mateu Lahoz. (Foto: LFP)

Aínda non. O empate en Balaídos (1-1) entre Real Club Celta de Vigo e Girona fútbol Club adía -polo menos- unha xornada máis unha salvación que, por momentos, parecía que ía chegar na noite desta terza feira.

Porque tras case sete meses desde a súa chegada á cidade olívica, resulta evidente que Carlos Carvalhal é un deses adestradores dos que chaman "socialdemócratas". É dicir, aberto ao cambio, pero pouco amigo das revolucións. Por iso, e a pesar de que as circunstancias do equipo esixirían medidas máis radicais, só optou por realizar tres cambios no once inicial con respecto á derrota ante o Valencia.

Deste modo, o Celta saltou ao céspede de Balaídos con Iván Villar; Hugo Mallo, Aidoo, Unai Núñez e Javi Galán; Tapia, Gabri Veiga, Óscar; Carles Pérez, Larsen e Miguel Rodríguez.

A presenza do estremo de 20 anos entre os titulares, xustificada polo estado físico dun Iago Aspas que rematará a tempada entre algodóns, foi un xesto de rebeldía inédito que reconciliou o preparador portugués cun sector da bancada que lle demanda unha maior presenza da canteira nos seus plans. 

A aposta de Carvalhal por Miguel Rodríguez tivo o mérito engadido, ademais, de supor un desmentido público ás súas propias palabras. pois a finais de abril afirmou que o de Redondela non era titular pola súa incapacidade para ofrecer o "nivel defensivo" que require a Liga. 

Pola parte visitante, un Girona con aspiracións europeas que chegaba de perder contra o Vilarreal tamén exhibiu moitas caras novas, até catro en total, saíndo con Gazzaniga; Arnau, Bernardo, Bueno, Gutiérrez; Oriol Romeu; Tsygankov, Iván Martín, Yan Couto, Valery; e Stuani.

Carles Pérez acaba co tedio polo medo a encaixar

En canto o balón botou a rodar o Celta dominou os primeiros compases do xogo, chegando incluso a contar con dúas boas ocasións de gol da man de Tapia e Óscar e, o que é máis importante, evitando que o contrario perforase as súas redes durante os 10 minutos iniciais por vez primeira nos últimos catro partidos. Non obstante, a escuadra dirixida por Michel reaccionou transcorrido o cuarto de hora, estabelecendo un sólido -e visualmente aburrido- equilibro a consecuencia do irrefreábel medo a encaixar dun Celta no que o único xogador con chispa foi un Miguel que ofreceu un par de ilusionantes destellos.

Pero todo saltou polos aires no minuto 41, cando Carles Pérez, a pase de Javi Galán e coa imprescindíbel asistencia dun Oriol Romeu que descolocou Gazzaniga, perforou a meta catalá e alterou definitivamente o devir do encontro.

O árbitro torna en protagonista

Mateu Lahoz é deses árbitros que gustan de ser protagonistas. A noiva na voda e o morto no enterro. Por iso, despois de que Iván Villar detivese un penalti -piscinazo- cometido por Galán no minuto 55, o colexiado ordenou a repetición da pena máxima por considerar que Unai Núñez invadira a área celeste antes do disparo dun Stuani que, á segunda, non perdoou. Totalmente desequilibrado, desde entón o Celta acumulou erro tras erro, incluído un man a man de Larsen no 78, rematando o partido co 1-1 final.


A zona baixa da táboa, cada vez máis comprimida

O Celta dorme esta terza feira atento ao resultado do partido entre o Valladolid e un Barcelona xa campión disputado na noite de onte, e do que non podemos ofrecer o resultado por finalizar fóra do horario de fechamento desta edición. Ademais, tamén será fundamental para os intereses celestes o que aconteza no Vilarreal-Cádiz, o Espanyol-Atlético e o Betis-Xetafe que se xogan esta cuarta, así como o Mallorca-Valencia que se desenvolverá na quinta feira.

Comentarios