Opinión

Somos racistas

Non é o fútbol. Non é a liga. Somos nós. Unha sociedade que emprega de xeito coloquial mono, moro, negrito, chinita, panchito, sudaca ou puto chino sen reparar niso, ten un problema. Branqueamos os cartos, imos ao chino mercar, seguimos falando dunha merenda de negros ou de traballar como chinos.

A linguaxe que empregamos define o que pensamos. Estou certa de que en moitas ocasións, nun ambiente de broma, eses miles de persoas que berraban “mono” tamén o dixeron como se tal cousa, sen darlle importancia. Igual que hai persoas que utilizan panchito ou negrita sen reparar o máis mínimo na carga de discriminación e racismo que implica. Se o empregamos, pensámolo. Tendemos a negalo. Buscamos escusas, non me dei conta ou era sen mala intención. Incomódanos ser racistas.

Hai ben pouco nunha aula con adolescentes asistín a un desagradábel debate sobre a serea negra. Varias mozas defendían acendidas que as sereas sempre foron e deben seguir sendo brancas. Ao principio, fiquei sorprendida, e até rin dicindo que até onde sei as sereas son seres imaxinarios que pode ser de cor violeta ou verde. Mais a cor non era o problema, cunha actitude absolutamente intolerante afirmaban diante das súas compañeiras negras de aula, que elas non tiñan porque soportar sereas negras. A clase case se me foi das mans. Pode que se me fora totalmente. Sentinme fatal, falei coa titora, volvín a traballar o racismo co grupo, traballamos o tema con outros exercicios e debates, traballouno a titora e seguimos co curso. Ben sei que o racismo ficou aí, porque mudar prexuízos é máis difícil que estudar matemáticas ou filosofía.

Ese episodio levoume a falar con dous alumnos racializados de segundo de bacharelato. Explicaron perfectamente aos seus compañeiros e compañeiras da aula o que implica que só a mirada do outro este a discriminarte. Só a mirada. O difícil que é soportar que che digan que puto negro é cariñoso. Ao rematar a clase, un deles preguntoume se por ser negro tería que estar sempre combatendo o racismo. Díxenlle que si. Entendo o seu cansancio.

Eu non coñecía a Vinícius José Paixão de Oliveira Júnior até hai unhas horas. Supoño que terá cartos e todo o prestixio que dá o fútbol, a pesar de ser negro. Entendo a súa ira. Vive o racismo desde o privilexio de miles de mensaxes que están solidarizándose con el. Se cadra, tamén é o momento para imaxinar o que sente un adolescente cando polo corredor do seu instituto chámano mono e fai que non oe, para non ter problemas. Cando un profesor de xeito cariñoso chama chinita a unha alumna. Cando lle tocamos o pelo a unha nena negra, porque nos fai gracia. Ou que sente un emigrante cando o chamamos panchito e agardamos que sorría.

Ibram X. Kendi ten un libro titulado Como ser antirracista. Afirma que: "O bo é que ser racista ou antirracista non son identidades fixas. Podemos ser racistas un minuto e antirracistas o seguinte. Eu era racista a maioría das veces. Estou cambiando". Pode que o esquezamos, mais cambiar significa cambiar. A linguaxe e o pensamento.

Comentarios