España aprende unha lección na Cidade da Educación

Un Luis Enrique desnortado, con varios xogadores fóra da súa posición natural, deu entrada a Sarabia no 118 para que fóra o seu primeiro lanzador, pero encarou o seu destino cun rostro que retrotraía ao de certo defensa central balcánico un 14 de maio de 1994.
Os rostros de Simón e Bono reflicten como encararon a quenda (Foto: Europa Press).
photo_camera Os rostros de Simón e Bono reflicten como encararon a quenda (Foto: Europa Press).

14-05-1994, Estadio Municipal de Riazor. O Deportivo da Coruña e o Valencia empatan no derradeiro partido do campionato ligueiro cando, no minuto 90, o colexiado Antonio Jesús López Nieto sanciona un penalti a prol dun conxunto branquiazul que, se marca, será campión por vez primeira na súa historia.

O iugoslavo Miroslav Djukić instala o balón nos once metros. Colle aire, baixa a cabeza, dispara... e deixa para o mundo un legado audiovisual de como non se debe lanzar unha pena máxima.

Daquela só estaban neste mundo sete dos actuais integrantes da selección española que compite, mellor dito, competía, no Mundial de Qatar, e quizais só o máis veterano (1988), Sergio Busquets, tivera uso de razón. 

Por todo iso, e nun contexto cambiante onde cada vez é máis público e aceptado que os astros do balón recoñezan que o fútbol é para eles só un oficio, unha bonita profesión, que non implica informarse e culturizarse fóra do seu horario laboral sobre a rica historia do deporte polo que perciben millonarias sumas, pode chegar a entenderse que non aprenderan a lección atemporal do "penalti de Djukić", un pecado mortal agravado polo feito de que o seu compromiso de oitavos de final da Copa do Mundo 2022 se disputaba nun recinto coñecido como "Cidade da Educación".

Alí, tras 120 minutos onde o fútbol estático dunha 'Roja' que acumulaba longas posesións estériles, inanes -até sumar un 77% total polo que haberá quen saque peito-, contrastaba co xogo moito máis directo, rudo e vivo das marroquinos, o colexiado arxentino Fernando Rapallini -cualificado de forma totalmente inxusta de "xogador número 12" de Marrocos por Ferrán Torres despois do partido- decretou que se determinara o gañador na quenda de penaltis.

Un Luis Enrique desnortado, con varios xogadores fóra da súa posición natural, deu entrada a Sarabia no 118 para que fóra o seu primeiro lanzador, pero encarou o seu destino cun rostro que retrotraía ao de certo defensa central balcánico un 14 de maio de 1994.

Por suposto, fallou, destino fatal que polo que pasarían despois Soler e Busquets, confirmando que a confesa decisión do técnico asturiano de non ensaiar os penaltis, quizais, non fóra a mellor.

O golpe de gracia, ironías que ten o destino, chegou nas botas dun home nado e formado futbolisticamente no Estado español, Achraf Hakimi.

Comentarios