O Enduro galego ten unha cita na Serra do Galiñeiro

Nicolás Carrera defenderá este domingo en Gondomar a coroa que acadou na edición anterior. A convocatoria bateu record de inscricións con 300 riders. 
Podio da edición de 2021 do Campionato nacional de Enduro (Foto: FGC).
photo_camera Podio da edición de 2021 do Campionato nacional de Enduro (Foto: FGC).

Cinco anos despois, a Serra do Galiñeiro volve acoller o Campionato da Galiza de Enduro. Desde 2017 a montaña gondomareña e esta especialidade do BTT seguiron camiños moi diferentes.

A tráxica vaga de incendios do outono daquel ano devastou a paisaxe na parroquia de Vincios e obrigou a rexenerar os seus montes, mentres que o Enduro nacional seguiu cun crecemento que só se detivo temporalmente por mor da pandemia. Este domingo, nun escenario renovado, 300 riders honrarán ao Galiñeiro ofrecendo espectáculo na proba organizada polo equipo + Enduro MTB. 

Xornadas de sábado e domingo

O evento, apoiado polo Concello de Gondomar e a Federación de Ciclismo Galego, xa conta co récord de participación nunha proba desta modalidade na Galiza. A saída e a meta estarán situadas ao carón da Asociación de Veciños de Vincios e o percorrido presenta cinco treitos cronometados nos terreos da Comunidade de Montes de Vincios.

A xornada do sábado estará dedicada aos adestramentos das e dos deportistas participantes e o primeiro competidor porase en marcha o domingo ás 8:30 horas. 

As cadetes femininas abrirán unha competición na que se porán en xogo un total de nove coroas nacionais e na que tamén haberá unha categoría de parellas e outra de e-bikes. 

Carrera defenderá o título

O sub23 Nicolás Carrera (Justbikes-Transition), gañador absoluto nas tres últimas edicións do Campionato, preséntase como o rival a bater.

O ano pasado fixéronse co resto dos títulos Lucía Piñeira (Pontebike) e Danny Buba (Coruxo) en cadetes, Anxo Carril (Coruxo) nos juniors, Isabel Castro (Condado Bike) e Mauro González (Salvaterra) en elites, Estefanía Cabarcos (Rocasport-Giant) e Santos Lemos (Grupetta Pan de Zarko) en máster-30, José Manuel López Vaqueiro (VK Bikes) nos máster-40 e Adolfo Gallego (Singletrack) nos máster-50.  

O nivel da quinta edición do Enduro Serra do Galiñeiro pouco terá que envexar ao do Campionato de España. A 'armada galega' ratificou o seu dominio no plano estatal o pasado domingo en Cidade Real, na apertura da Copa de España, adxudicándose a vitoria en seis das doce categorías existentes.

Comentarios