A selección galega volve do Campionato de España de ciclismo Enduro con tres medallas

O tudense David Fernández fíxose co ouro na categoría júnior, mentres que o corredor marinense Zoe del Río foi segundo e conseguiu a prata.
ciclismo_enduro_seleccion
photo_camera Á esquerda, Zoe del Río, e á dereita, David Fernández, no podio (Federación Galega de Ciclismo)

O Enduro galego colgouse tres medallas no Campionato estatal que se desenvolveu o domingo en Castejón de Sos (Huesca). A selección galega logrou un dobrete na competición júnior masculina con David Fernández proclamándose campión por diante de Zoe del Río, que foi segundo. O máster-30 Santos Lemos, defendendo as cores da Grupeta Pan de Zarko, tamén subiu ao podio despois de finalizar segundo na categoría 'A' do seu grupo de idade.

A actuación do resto de representantes tamén foi meritoria. Dos sete corredores que vestiron as cores da Selección no Pirineo Aragonés, cinco eran júniors e catro destes clasificáronse entre os sete primeiros.

No evento que inaugurou o calendario de campionatos estatais de BTT en 2020 disputáronse cinco treitos cronometrados, que sumaban 11,5 quilómetros. A eses parciais había que engadir os sectores de enlace para completar un total de 38 km e un desnivel acumulado de 1.750 metros.

Fernández tomou o mando da súa categoría desde a primeira referencia. O tudense do Avanza estabeleceu o mellor tempo no mítico sector do Gallinero, o máis longo de toda a xornada, conseguindo unha renda de 11 segundos respecto a Del Río. A súa vantaxe sobre o marinense do XSM ampliouna noutros seis segundos no segundo treito e os dous primeiros clasificados marcaron rexistros moi parellos nos tres seguintes parciais.

"Gran dificultade"

"Foi unha proba de gran dificultade tanto física como técnica. O Gallinero adaptábase bastante ás miñas características dado que tiña bastantes zonas de pedaleo e era longo", comentou Fernández, satisfeito tras lograr "o meu grande obxectivo deste ano". 

"Chegaba con dúbidas despois de non ter competido nos últimos seis meses debido á suspensión das probas do calendario por mor da Covid-19 e deixeime levar polas sensacións nun dos percorridos máis duros que lembro. Había 18 km de ascensión e subiamos até os 2.100 metros", explicou.

O vencedor júnior detivo o reloxo en 28’00”, sendo 18” máis rápido que Del Río. O triplete da selección galega impediuno Rodrigo Gamarra (Velobur), que mellorou en 10” o tempo do cuarto clasificado Manuel Loureiro. Sétimo finalizou Raúl Miranda e o quinto representante do combinado autonómico, Ismael Romero, tivo que abandonar por problemas mecánicos.

Entre os sub23, Nicolás Carrera foi o mellor dos corredores galegos, mais ficou ás porta entre os sub23: ocupou a cuarta praza, a 18” do bronce. 

Comentarios